O candidato á Presidencia da Xunta polo PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, traslada a representantes dos traballadores e alcaldes da comarca o acordo co Goberno de España para o desbloqueo dos parques eólicos que garanten máis de 1.000 empregos na planta de San Cibrao
Recorda que no último ano pecharon unhas 300 empresas na Mariña e denuncia que a economía de Galicia crece dous puntos por baixo do resto de España por culpa da xestión de 14 anos do PP na Xunta
San Cibrao, 27 de decembro de 2023. José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta, puxo en valor este mércores o acordo ao que chegou onte coa vicepresidenta do Goberno de España e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, para desbloquear a instalación de parques eólicos necesarios para o subministro enerxético de Alcoa. Un acordo que supón o mantemento de máis de 1.000 empregos directos da factoría da Mariña.
O tamén deputado lucense mantivo un encontro con representantes dos traballadores da planta de Alcoa-San Cibrao, así como con varios alcaldes e alcaldesas da comarca, para trasladarlles persoalmente as novas con respecto ao acordo que pechou en Madrid co Goberno de España para garantir a creación e conexión dos novos parques eólicos necesarios para o subministro eléctrico da fábrica a través de Real Decreto.
Besteiro lamentou que se chegara a esta situación por culpa da “mala xestión da Xunta de Galicia”, que entregou ao límite e fóra de prazo a documentación precisa para a creación deses parques no 2024, deixando no aire o funcionamento de Alcoa e poñendo en perigo máis dun milleiro de postos de traballo directos.
O candidato socialista manifestou a súa preocupación pola situación económica de Galicia e lembrou que “esta semana falábase de que 300 empresas pecharon no último ano na Mariña. Un dato moi preocupante que vai sumado a que a recuperación económica en Galicia vai moito máis lenta que no resto de España”, case dous puntos por baixo. Unha situación que achacou á “mala xestión económica da Xunta”.
“A economía en Galicia da man do PP vai moito peor que outros territorios do Estado. Algún responsable haberá cando son 14 anos os que levan no goberno… Non son nin catro, nin oito, nin dez… Son 14 anos de goberno ao fronte da Xunta de Galicia”, alegou Besteiro.
RUEDA MANTÉN SILENCIO SOBRE OS DEBATES
Tamén reprochou ao candidato do PP que “vai a facer unha semana dende que emprazamos a Rueda sobre onde, cando e como imos debater”, sen obter aínda resposta. “É necesario continuar nesta dinámica de propostas, de confrontar ideas e de debater para que os cidadáns poidan de cara ás eleccións do 18 de febreiro ver quen ten o proxecto máis atractivo para Galicia” alegou o deputado lucense.
Pola súa banda, José Antonio Zan, presidente do Comité de empresa de Alcoa, valorou positivamente o acordo acadado co Goberno de España para recuperar eses parque eólicos que “supón o 25% do consumo de enerxía diario da planta”, lembrou. Así mesmo, sinalou que esta inquedanza respecto ao seu futuro destes días para os traballadores “unha xerra de auga fría”, sobre todo nas datas do Nadal.