A portavoz de Política Municipal do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, chamou hoxe ao “consenso” para pedirlle á Xunta que se reúna coa Fegamp para fixar transferencias aos concellos para afrontar os gastos extraordinarios derivados da covid. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei en Comisión parlamentaria, que sen embargo foi rexeitada polo PP.
Rodríguez Rumbo afeoullle ao PP e á Xunta que se teñan negado a liberar “nin un só euro para que os concellos galegos puidesen facer fronte aos gastos ocasionados nos seus territorios para evitar a propagación do virus”. E isto, sinalou, a pesares de que o goberno galego ten recibido no que vai de pandemia un total de 1.258,5 millóns de euros para afrontar a crise, a maior parte procedentes do goberno de España, e recibirá un mínimo de 460 millóns máis ata 2022.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de “invitar mentres os concellos pagan”, ao incrementar as competencias das entidades locais negándolles financiamento adicional, e obviando as peticións reiteradas da Fegamp, da Femp, da Delegación do Goberno de Galicia, así como dende varias deputacións.
Lembrou que os concellos tiveron que incrementar substancialmente a limpeza en centros de ensino e de saúde, cando é competencia da Xunta, asumir o incremento das horas do Servizo de Axuda no Fogar, aumentar os fondos para a infancia, escolares e limpeza de parques públicos, mentres aprazaban ou suspendían o pago de tributos municipais.
E todo isto mentres vían que mentres o goberno do Estado abría a billa das axudas para que as comunidades autónomas afrontasen os gastos extraordinarios en sanidade, educación e política social e facilitar axudas directas ás empresas e autónomos. Sen embargo, o PP e o goberno de Feijóo “decidiron unir esforzos con outros gobernos da súa mesma cor política para crispar, entorpecer e criticar ante unha situación dunha gravidade xamais coñecida”.
Criticou a baixa concepción do sentido de Estado por parte do PP, que en xuño de 2020 recibiu 735 millóns do Fondo Covid para sanidade, educación, e compensación á redución da actividade económica. Tamén recibiron outros 17 millóns para bolsas comedor, moratorias no pago de alugueiros e o bono social eléctrico, así como, en marzo deste mesmo ano, recibiron 234 millóns de euros do fondo extraordinario para pemes e autónomos que a Xunta aínda non liberou.
Ademais, grazas ás negociacións do Goberno de España diante da UE, Galicia pode destinar ata 272 millóns de euros dos Fondos Feder a financiar gastos sanitarios. Estas axudas suman un total de 1.258,5 millóns de euros para afrontar a crise sanitaria, aos que cumpre sumarlle os máis de 460 millóns de euros que recibirá como mínimo entre 2021 e 2022 20,3 millóns para o Plan de Choque da Dependencia e 441 millóns de fondos React-EU, xa aprobados.