Sinala que as 5.000 hectáreas do espazo situado entre Aranga, Coirós e Oza – Cesuras reúne varios dos requisitos para a declaración como espazo natural protexido
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, reclamoulle hoxe á Xunta que inicie o procedemento para a declaración dos Montes do Gato como Parque Natural. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para reivindicar a máxima protección medioambiental deste espazo que comprende 5.000 hectáreas entre os concellos de Aranga, Coirós e Oza – Cesuras.
Rodríguez Rumbo advertiu que hai máis de 20 anos que Galicia non ten declarado ningún parque natural, e sinalou a este espazo, dentro da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, como idóneo por sumar varios requisitos ambientais, históricos e etnográficos. A súa declaración, dixo, permitiría “paliar o déficit de superficie declarada Zona Núcleo con verdadeira entidade e conectividade ecolóxica”.
Sinalou que a iniciativa vén avalada por 40.000 sinaturas, das que máis de 4.000 correspóndense con veciños e veciñas dos concellos afectados, que representan preto da metade dos 8.997 habitantes dos tres concellos. Un espazo, explicou, que contén as Brañas do Deo, conta con singular riqueza de anfibios, aglutina múltiples hábitats de interese comunitario e numerosas especies protexidas.
Ademais, alberga a maior necrópole megalítica do Neolítico de Galicia e unha das máis grandes de Europa, ducias de petróglifos, muros de pedra seca -unha modalidade de construción declarada patrimonio inmaterial pola Unesco-, camiños e vías históricos, o castelo de Teodomiro, do reino dos Suevos, minas de ouro medievais e restos romanos e castrexos.