A portavoz adxunta do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, advertiu hoxe que a Xunta emprega a autonomía fiscal para rebaixarlle impostos ás rendas máis altas, reducindo os recursos da administración, en vez de reforzar os servizos públicos. Rodríguez Rumbo Interveu na Comisión parlamentaria que está a analizar a reforma do modelo de financiamento, e que hoxe rematou a fase de comparecencias coa intervención do conselleiro de Facenda.
Lembrou que a Xunta recada e xestiona a metade do IRPF, o que lle serve, lamentou, de “facer copia do modelo Ayuso, que presenta como a panacea baixar impostos”. No caso de Galicia, dixo, empregan este mantra para agochar que teñen empregado a Lei de Acompañamento aos Orzamentos para baixarlle apenas un euro ás rendas medias, mentres rebaixan 500 euros anuais ás rendas de máis de 60.000 euros e suprimen o tramo de máis de 100.000 euros.
A responsable socialista sinalou que o goberno galego emprega a súa autonomía fiscal para rebaixarlle as taxas ás rendas máis altas, co que “perden recadación e polo tanto tamén financiamento para eses servizos públicos esenciais que debe prestar a Comunidade Autónoma. Sinalou que “teñen autonomía fiscal, pero lamentablemente non a empregan para redistribuír rendas e axudar a que os servizos públicos sexan de calidade, universais e gratuítos”.
Urxiu ao goberno galego a empregar as súas competencias para “facer unha política fiscal redistributiva e garantir que os servizos non minoren”, sinaladamente no caso das persoas e as familias “que peor o pasan e que nestes momentos son os máis vulnerables”.
Rodríguez Rumbo sinalou aos informes de Cáritas e Intermón – Oxfam, que evidencian que a pandemia ten agravado a dualidade social, incrementando as rendas dos que máis teñen e minorando as daqueles que menos teñen. Sinalou ao impacto negativo da crise xerada pola pandemia en concreto na “clase traballadora pobre, que non chega a fin de mes a pesares de ter traballo, creada durante os gobernos de Rajoy, e que segue existindo tamén en Galicia”.
Transparencia
A parlamentaria socialista reclamoulle á Xunta que responda á transparencia que está amosando o goberno central abrindo ao público o documento para a reforma do modelo de financiamento, adiado dende o ano 2014 e retomado polo actual Executivo presidido polo socialista Pedro Sánchez. Rodríguez Rumbo reclamoulle ao goberno galego que lle entregue aos grupos parlamentarios o documento coas alegacións presentadas ao debate.
Rodríguez Rumbo lembrou que este documento forma parte do paquete de peticións formuladas polos grupos parlamentarios no plan de traballo desta Comisión, e que hoxe presentou o conselleiro, pero en forma de power point na sesión deste órgano.
A responsable socialista chamou ao acordo entre os tres grupos parlamentarios para “fixar unha posición de país” para negociar co Estado e acadar un modelo de financiamento “o máis beneficioso posible”. Puntualizou que “entendemos que estamos implicados nun Estado global con diferentes comunidades autónomas, nun proceso de negociación técnica e tamén política para que ningunha Comunidade Autónoma perda”.
Sinalou que o obxectivo último é actualizar un sistema de financiamento autonómico fundamental para xestionar e recuperar uns servizos públicos universais, gratuítos e de calidade. Lembrou que mentres a Xunta protesta polo financiamento do ciclo da auga, esquece que estalle a derivar ás administracións locais competencias da súa responsabilidade, como o servizo de axuda no fogar, as escolas infantís, emprego, industria ou o mantemento dos centros educativos e de saúde.