Reclamaba análises sobre a condición da vivenda, a desagregación entre rural e urbano nos estudos sobre muller, o gasto en I+D+i ou o mapa de servizos no territorio, entre outros
A deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo demandou hoxe no Parlamento que o Plan galego de Estatística 2022-2026 novas análises para adaptalo aos cambios sociais e económicos da Comunidade. Fíxoo durante o debate do ditame do proxecto de lei desta iniciativa, á que o PSdeG presentou 44 emendas, 8 ao articulado e 36 aos anexos. Delas, foron aceptadas 6 e transaccionadas 5, “é dicir, o 25 por cento das presentadas”.
Na súa intervención, Begoña Rodríguez Rumbo salientou a importancia que ten a estatística para estudar e mellorar o coñecemento da realidade social e económica do país. Desta maneira, os seus resultados deben ser a base para a busca de novas solucións aos problemas actuais. Porén denunciou que, en moitas ocasións, “os datos publicados polo IGE son, paradoxalmente, cuestionados ou transformados polo goberno galego ou o Partido Popular”.
Neste escenario, a deputada socialista lamentou a negativa do PP a apoiar algunhas das emendas presentadas polo PSdeG e que Begoña Rodríguez Rumbo cualificou de “esenciais” para acadar este obxectivo.
Nesta liña mencionou aquelas nas que se propoñía que se tivesen en conta novas metas como a elaboración dun mapa de recursos no territorio, as condicións de vida e a situación da Risga en Galicia, o prezo dos combustibles, as enerxías renovables e non renovables, o gasto público en I+D+i ou os indicadores de accesibilidade da poboación aos servizos financeiros.
De maneira concreta, Begoña Rodríguez Rumbo fixo especial fincapé nas propostas do PSdeG para analizar e buscar solucións ao “preocupante declive demográfico do país”. Así, incidiu na necesidade de afondar no coñecemento das condicións da vivenda en Galicia como primeiro paso para aplicar medidas que faciliten o acceso a ela, fundamentalmente para a poboación máis nova. Trátase, en palabras da parlamentaria do PSdeG, dunha das medidas “máis importantes, despois do emprego de calidade, para o asentamento poboacional”.
Ao mesmo tempo, Begoña Rodríguez Rumbo tamén considerou “unha mágoa e un erro” que o PP vetase unha emenda para introducir a variable grao de urbanización en todos os estudos que se realicen en materia de muller. Nesta liña, apostou por realizar unha desagregación do rural e do urbano posto que “sobre todo cando falamos de mulleres, existen diferencias substanciais entre as condicións de vida ou de traballo” en función do entorno.
En calquera caso, a deputada socialista puxo de relevo a mellora que vai experimentar a lei grazas ás emendas presentadas polo PSdeG e que si foron aceptadas. Entre elas, están unha maior transparencia, dar conta de maneira anual no Parlamento da actividade estatística do país ou establecer o deber de segredo estatístico máis alá do remate dos acordos, convenios ou contratos.
Do mesmo xeito, tamén se incorporaron metas como as referidas a equipamentos e recursos deportivos, aos prezos nos sectores produtivos ou os recursos e gastos das administracións públicas galegas.