A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, salientou hoxe o acordo parlamentario sobre o plan de traballo da Comisión de Financiamento do Parlamento. Este foi aprobado por unanimidade incorporando as comparecencias do senador e economista Xoaquín Fernández Leiceaga e da economista María Cadaval a proposta dos socialistas galegos.
A responsable socialista aplaudiu o acordo de hoxe co obxectivo de que os traballos da Comisión rematen cun “acordo de país para acadar un Plan de Financiamento Autonómico que sexa o máis beneficioso” para os galegos e as galegas. Rodríguez Rumbo salientou a proposta dos socialistas galegos para fixar o 25 de marzo como límite para que os grupos parlamentarios presentaran ditame, pero finalmente o plan de traballo foi aprobado sen incorporar datas.
Si que incluíu a proposta socialista de comparecencia do senador Xoaquín Fernández Leiceaga, senador e profesor de Economía Aplicada na USC que ademais é membro da Rede de Investigadores en Financiamento Autonómico e Descentralización Financeira. Tamén incluíu á economista María Cadaval, subdirectora da Rede de Investigadores en Financiamento Autonómico e Descentralización Financeira, membro da Governance and Economics research Network e do Foro Económico de Galicia.
Os socialistas galegos incorporaron ademais ao plan de traballo a petición de informes da Consellería de Facenda sobre os fondos recibidos polo Estado e as partidas ás que foron destinados. Tamén preguntan polo destino dos fondos estatais ao IGVS, ás políticas de Igualdade, loita contra a violencia machista e políticas de emprego, así como as achegas de Galicia ao Ministerio de Facenda para os traballos da Comisión de Expertos.
Rodríguez Rumbo explicou que, en virtude de acadar o acordo parlamentario sobre o plan de traballo, decaeron as peticións de informes das tres universidades e do CES sobre financiamento autónomico, ao dalos por incluídos nas peticións de información ao Foro Económico de Galicia.