A portavoz de Política Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, vén de esixirlle hoxe ao goberno galego que remate coas prácticas caciquís e garanta criterios obxectivos no reparto de fondos aos concellos. A responsable socialista criticou o voto en contra do PP a unha proposición non de Lei para fixar criterios claros, obxectivos e previamente consensuados coa Fegamp, que foi presentada hoxe no Pleno do Parlamento.
Rodríguez Rumbo denunciou a recente orde de axudas da Consellería de Territorio, que o pasado 9 de marzo abriu o reparto de 2 millóns de euros para a mellora de infraestruturas en concellos de menos de 20.000 habitantes que tardou tan só 9 minutos e 43 segundos en rematar cos fondos. Alertou deste “fenómeno curioso” para unhas axudas que requiren de ser tramitados “agás que determinados concellos tiveran información antes”.
A responsable socialista comparou este caso cunha orde de axudas publicada na mesma Consellería co mesmo obxecto en 2018 e na mesma modalidade de concorrencia non competitiva –os créditos repártense por orde de chegada e pechan cando se esgota o fondo-, e que daquela tardou 12,18 minutos en pechar. Daquela, lembrou, repartiron máis de 4 millóns entre 19 concellos, dos que 8 de cada 10 eran do PP, que recibiron 8,3 de cada 10 euros.
Sen embargo, contrastou este resultado coa convocatoria en 2019, daquela para repartir 2,7 millóns de euros esta vez en concorrencia competitiva que beneficiaron a 35 concellos, pero daquela 5 de cada 10 do PP, que recibiron 5 de cada dez euros. Esixiulle ao PP que “sexan valentes e aposten polo municipalismo, acabemos con este xeito de repartir fondos públicos que deben servir para mellorar a vida de todos os galegos e de todas as galegas”.
Advertiu de que este reparto a dedos é “caciquil, non respecta a autonomía local, non está baseado nun plan de reequilibrio territorial para Galicia, que non procura a cobertura de servizos básicos, incumpre cos principios de transparencia e obxectividade e vai contra a Lei de Subvencións de Galicia”.
Reclamou frear as prácticas coas que o PP repartiu entre 2019 e 2020 máis de 10 millóns de euros da Consellería de Territorio a través de convenios repartidos “a dedo” e do que 9 de cada 10 concellos beneficiados eran do PP.
Lei de financiamento local
Rodríguez Rumbo reclamou hoxe unha Lei de Financiamento Local para regular o Fondo de Cooperación Local, que responda da petición unánime dos grupos representados na Fegamp. Reclamou clarificar así a participación anual das entidades locais nos ingresos da Comunidade Autónoma, así como os criterios de reparto, e que integre parte das axudas e subvencións anuais destinadas aos concellos.
Lembrou neste sentido que durante os 12 anos de goberno de Feijóo en Galicia á participación nos ingresos da Comunidade Autónoma a través do Fondo de Cooperación Local “non incrementou nin un só euro”, e permanece “cravado” nos 113 millóns de euros de 2009. Lembrou que en apenas tres anos o goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño incrementara estas aportacións en preto de 28 millóns de euros.