Denuncia a incapacidade da Xunta para executar os orzamentos para o emprego no medio da crise da covid, o que evidencia “un total desprezo pola situación límite que están a padecer moitas persoas no noso país”
A vicevoceira do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, volveulle reclamar hoxe á Xunta que rectifique as súas políticas de emprego, de maneira específica as que se realizan en colaboración cos concellos. Alertou de que os programas do goberno galego neste eido redúcense a unha liña de axudas que se repite ano tras ano, que é totalmente insuficiente e que adolece dunha serie de defectos que impiden que acade os seus obxectivos.
Por iso, na súa intervención da Comisión de Economía do Parlamento, Begoña Rodríguez Rumbo lamentou que a orde de subvencións para o fomento do emprego en colaboración entidades locais non está a cumprir os seus obxectivos. En concreto, incidiu en que non se están a adecuar ás necesidades concretas de cada territorio nin á realidade do mercado de traballo.
Deste xeito, “non está unha ferramenta realmente útil para que os e as demandantes de emprego adquiran unha experiencia profesional mínima nin tampouco para facilitar a súa inserción laboral en ocupacións cunha maior estabilidade”. Ademais, para a deputada socialista, a ineficacia destas axudas constitúe unha demostración máis de que as políticas de emprego en Galicia “seguen a ser un dos grandes fracasos do goberno de Núñez Feijoo durante os seus 12 anos na Xunta”.
Polo miúdo, Begoña Rodríguez Rumbo advertiu que esa liña de axudas sae coas mesmas bases e a mesma dotación económica todos os anos, o que é “totalmente insuficiente”. Neste contexto, incidiu en que os 1,5 millóns de euros destinados nos últimos tres anos a este fin tan só permite achegar unha media de 4.792 euros por municipio e a contratación de menos de 2 persoas.
Ademais, advertiu de eivas que deben ser corrixidas para poder cumprir os seus obxectivos e adecuarse aos programas anuais dos concellos. Tamén censurou que as contratacións estipuladas se limiten a un período de tres meses a tempo completo e seis meses a tempo parcial. “Isto é claramente insuficiente para acadar a formación profesional que favoreza a inserción laboral que se busca”, remarcou Rodríguez Rumbo.
Por outra banda, lamentou que os beneficiarios nin sequera terían dereito ao paro unha vez rematada a súa participación no programa e, polo tanto, deberían volver á súa situación anterior. De igual maneira, Begoña Rodríguez Rumbo cuestinou os beneficios de que se incrementen nun 15 por cento as cantidades destinadas a solicitudes conxuntas ou nun 35 por cento para os concellos fusionados, cando estes municipios xa contan con partidas nominativas nos orzamentos da Xunta.
GALICIA, COS PEORES DATOS DE EMPREGO DO ESTADO
Todo isto sucede, ademais, nun contexto no que os últimos datos de emprego revelan que “son dos peores na nosa comunidade autónoma”. Así, Rodríguez Rumbo puxo de relevo que mentres en España se crean 840.00 empregos e se supera a ocupación prepandemia cun crecemento do 4,35 por cento, en Galicia esa suba redúcese a un 0,96 por cento, “sendo a terceira peor evolución de todas as comunidades e as cidades autónomas”.
Nesta mesma liña alertou de que “seguimos a ter 50.900 persoas ocupadas menos que no mesmo trimestre de 2009” ou de que entre outubro de decembro de 2021 destruíronse 21.200 empregos en Galicia, “a razón de case 230 por día ou 350 empregos por día só en xaneiro deste ano”.
O mesmo sucede cuns datos do paro que evidencian que Galicia segue a ter un comportamento peor que o resto do Estado en canto ao número de persoas paradas. Mentres que en febreiro se incrementou en Galicia nun 0,4 por cento, no Estado diminuíu na mesma porcentaxe. Ademais, dende que Feijoo goberna na Xunta, hai 83.400 persoas activas menos na nosa comunidade.
Neste escenario, Begoña Rodríguez Rumbo criticou os escasos datos de execución orzamentaria nos orzamentos destinados ao emprego. Quedaron 270 millóns de euros sen gastar en 2019 e 2020, unha cantidade que ascendía a case 520 millóns de euros no terceiro trimestre do ano pasado.
En total, máis de 790 millóns de euros sen executar en tres anos, “no medio dunha crise económica e social provocada pola pandemia e na que a aposta polo mercado de traballo debera ser unha prioridade para este goberno”. Trátase dunha situación que, en palabras de Begoña Rodríguez Rumbo, amosa “un total desprezo pola situación límite que están a padecer un número moi importante de persoas no noso país, así como unha falla compromiso e iniciativa co desenvolvemento de Galicia”.
Por iso, instou ao goberno galego a “deixar de estar máis preocupado pola publicidade e a propaganda que de cambiar unha xestión de fomento do emprego que non funciona e que leva 12 anos dando mostras da ineficacia das políticas da Xunta nesta materia”.