A portavoz de Administración Pública e Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, alertou hoxe de que a Consellería de Traballo arríscase a devolver 70 millóns de euros de axudas directas para autónomos e empresas pola súa falla de execución. A responsable socialista presentou unha interpelación na que alertou das consecuencias para Galicia da incapacidade de xestión do goberno galego.
Rodríguez Rumbo sinalou á mala xestión por parte do goberno galego dos 234,5 millóns de euros que recibiron no primeiro semestre de 2021 e que se enfrontan á obriga de devolver as partidas que non foron quen de devolver, evidenciando que “a aposta polo mercado de traballo está lonxe de ser unha prioridade do goberno galego”.
A responsable socialista sinalou que esta incapacidade de xestión de fondos é unha constante no departamento de Traballo, que nos tres últimos exercicios, deixou sen executar 790 millóns de euros. Sinalou que tanto en 2019 como en 2020 deixaron sen gastar máis de 135 millóns de euros, que aumentan a 519 no exercicio de 2021 –ata o terceiro trimestre, xa que aínda non fixeron públicas as contas do exercicio completo-.
E todo isto, engadiu, mentres Galicia destruíu 21.200 empregos só entre outubro e decembro de 2021, preto de 230 cada día, e segundo a EPA, Galicia queda descolgada da tendencia de creación de emprego do Estado. Explicou que en 2021 en España foron creados 840.000 empregos, un crecemento do 4,35 por cento e superando xa á ocupación anterior á pandemia, mentres Galicia apenas medra un 0,96 por cento e é a terceira peor de España, só por diante de Murcia e Ceuta.
Ayusismo de Feijóo
A responsable socialista denunciou hoxe que o “ayusismo de Feijóo”, empeñado en ser “o alumno máis avantaxado do Non” pon en risco a chegada de fondos europeos a Galicia. Explicou que o seu seguidismo da estratexia do PP, empezado en que “a UE dubide e rexeite transferir os fondos europeos” poñendo en dúbida a solvencia do país apuntan aos 140.000 millóns de euros de axudas que “se por vostedes fora non chegarían ao noso país”.
Unha actuación “deleznable” que, dixo, tivo como colofón o rexeitamento do PP á reforma laboral, que afectaba a “dereitos que os traballadores e traballadoras recuperan”, que derivaba dun “acordo cos sectores sociais”, e que se trataba dunha reforma “necesaria para que sigan chegando os fondos europeos”. Mentres, o presidente da Xunta “emprega os seus esforzos en confrontar, culpando da súa nefasta xestión aos concellos, ás deputacións ou ao goberno do Estado”.
Rodríguez Rumbo fixo un chamado á colaboración e á xestión do goberno galego “para sacar a Galicia desta crise sanitaria, económica e social”. A parlamentaria socialista fixo entrega na cámara do Informe de rendición de contas do goberno de España do pasado mes de decembro e referido a Galicia, que apunta a que as medidas destinadas a Galicia nestes dous anos suman 5.000 millóns de euros, o maior investimento da historia dende o Estado para Galicia.