A portavoz de Política Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, vén de presentar unha proposición non de Lei na Comisión Institucional do Parlamento para reclamarlle á Xunta un plan a cinco anos para o reequilibro territorial na distribución cultural, que foi rexeitada polo PP. Rodríguez Rumbo explicou que esta proposta buscaba reverter a discriminación por parte da Xunta contra os concellos pequenos no eido cultural.
Sinalou que o goberno galego prexudica aos concellos máis pequenos nos baremos para conceder axudas e equipamentos para realizar actividades culturais, deseñados para “favorecer aos concellos máis grandes. Precisamente os que teñen máis capacidade”. Reclamou que “muden o xeito de facerlle chegar estes fondos aos concellos galegos”, deixando a convocatoria de subvencións concretas para fixar un plan plurianual en función das “necesidades reais”.
A responsable socialista sinalou que a cultura conforma un “piar fundamental para a fixación de poboación” e frear a “sangría demográfica” do interior de Galicia que “ata o momento o goberno de Feijóo non foi quen de parar, nin sequera de freala”. Advertiu que “de seguir coas mesmas receitas e as mesmas medidas, os resultados que van obter serán os mesmos”.
Sangría demográfica
Sinalou neste sentido que dende a chegada de Feijóo ao goberno galego en 2009, Galicia ten 94.270 habitantes menos, e 257.000 persoas menores de 40 anos, ademais dunha das peores taxas de saldo vexetativo do Estado, cun -6,53. Reivindicou neste sentido medidas eficaces para que os concellos, sinaladamente os rurais, poidan contar cos recursos axeitados, en lugar de estar como agora asfixiados por ter que financiar recursos que son competencia da Xunta.
Sinalou que “cada semana nos vemos obrigados a traer algunha iniciativa para evitar o peche dalgunha escola no rural, a mellora da atención primaria fronte á falla de persoal e servizos polos recortes do PP, a escaseza de prazas públicas nos centros residenciais e de día, insuficiente financiamento para o servizo de axuda no fogar, o adiamento da conectividade no territorio ou o desleixo na política industrial”.