Begoña Rodríguez Rumbo reclama un máximo de 48 horas de espera para primeira consulta e 140 millóns de euros adicionais para atención primaria nos próximos orzamentos da Xunta
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou ao goberno galego de “negar a realidade” do “colapso sanitario” en Galicia, e así “dificilmente poderán poñer os medios para resolver o problema e ofrecer a sanidade que os galegos precisamos. Dixo que a situación de hoxe deriva de que “a política da Xunta dende 2009 non foi poñer ás persoas no centro das políticas senón cadrar as contas”.
Recomendoulle aos responsables de sanidade que “pregunten aos usuarios da sanidade canto tardan en ter unha cita para atención primaria, que ocorre cando o seu médico está de baixa ou vacacións, ou cando un pai ou nai precisan acudir ao Centro de Saúde e teñen ao pediatra de vacacións, ou canto tarda un galego en ter unha cita para ir ao especialista ou facer unha proba diagnóstica”.
Sinalou que a responsabilidade da situación “non é culpa do doente nin do especialista, senón de como está o sistema” e duns recortes nos últimos trece anos que derivaron na falla de profesionais e de condicións laborais acaídas para que queiran quedar en Galicia”. Así como dun goberno que obviou a previsión de xubilacións dos profesionais sanitarios, e que segundo os Orzamentos hoxe contan con 976 profesionais menos que en 2009 en atención primaria.
Replicoulle ademais ao conselleiro de Sanidade, que apunta á falla de MIR cando se trata duns profesionais que tiñan que estar en formación hai unha década, cando gobernaba Rajoy e a Xunta non dicía nada. Sen embargo, nos últimos 4 anos o goberno de Pedro Sánchez duplicou as prazas MIR en todo o Estado, facendo as maiores convocatorias da historia para Galicia, que quedou sen 64 prazas “porque a Xunta pediunas fora de prazo”.
Rodríguez Rumbo emprazou ao goberno galego a escoitar as propostas da comisión de expertos constituída esta fin de semana polo PSdeG para avaliar a situación da sanidade pública e presentar propostas alternativas tanto ao goberno galego como no Parlamento e aos distintos colectivos sanitarios, para que “coñezan e saiban das prioridades do noso partido”.
A responsable socialista comezou apuntando ás propostas xa presentadas polo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, para fixar como obriga legal un límite de 48 horas para recibir a cita en atención primaria, así como o incremento de 140 millóns de euros neste servizo nos orzamentos do próximo ano para recuperar o nivel orzamentario do ano 2009.
Viaduto do Castro
A viceportavoz do Grupo Socialista salientou a “resposta inmediata” da ministra de Infraestruturas logo do segundo derrubamento do viaduto do Castro, na A-6, que visitou a zona do sinistro a semana pasada e emprazou aos expertos a determinar as causas para apuntar ás solucións para “reparar o antes posible a vía de comunicación e ter un tráfico fluído e normalizado de Galicia coa Meseta”.
Ademais, en resposta a preguntas sobre as eleccións en Andalucía, sinalou que “non son os resultados que nos gustaría ter”, e emprazou a “tomar nota, seguir traballando e facer unha boa diagnose”.
Sinalou que “trasladar os resultados a outro escenario non é real porque cada territorio ten as súas propias dinámicas e formas de entender a política”, e saudou que “o único positivo é que un partido como Vox non vai entrar no goberno, como si anunciaba o propio Alfonso Rueda e como si fixeron en Castela A Mancha”.