A parlamentaria socialista Begoña Rodríguez Rumbo denunciou hoxe a “absoluta opacidade” do Comisión Galega da Competencia. Así o dixo na comparecencia do máximo responsable do ente, hoxe en Comisión parlamentaria, por primeira vez dende a constitución do CGC, hai 5 anos, e ademais sen achegar previamente a Memoria Anual de Actividades nin o Informe Xeral de Actividades.
Rodríguez Rumbo denunciou esta “maneira pouco transparente de xestionar o público”, que demostra “desprezo” tanto pola función da Cámara autonómica como polo propio ente. Lembrou que o Decreto de constitución da Comisión determina unha comparecencia anual diante do Parlamento, que foi incumprida ata o día de hoxe.
Ademais, engadiu, “dificilmente poderemos achegar as nosas aportacións” ao plan de actividades se este non é entregado previamente aos grupos parlamentarios, co que supón de “entorpecemento da actividade parlamentaria”.
Advertiu de que a última Memoria de Actividades que é posible consultar na web do CGC corresponde ao ano 2016, ademais de que “é imposible atopar información da súa actividade, e non aparecen os plans anuais de actuación de ningún ano”. Por agochar, concluíu, mesmo ata agochan “os nomes das persoas que ostentan os distintos cargos”, xa que “non figuran nin a presidencia, nin a secretaría, a xerencia, e tampouco o propio Consello Reitor”.