O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, criticou hoxe que a Axencia Galega de Emerxencias deixara sen executar 2,3 millóns de euros dun total de 7,4 de créditos orzamentados para o pasado ano 2017. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión na que sinalou que tan só executou o 68,5 por cento do orzamento inicial, cunha minoración de 1,8 millóns.
O responsable socialista alertou, logo da resposta do goberno galego, que a Axega deixe sen executar fondos Feder “cando estamos asistindo a un escenario de anuncios da UE que poñen en perigo as asignacións orzamentarias para Galicia”. Aludiu así á intención da Comisión Europea de reducir nun 7 por cento os fondos de cohesión dos que esta Comunidade Autónoma percibe 3.800 millóns, xunto coas axudas da PAC.
Puxo en dúbida ademais a “mala previsión de ingresos e gastos asignados”, que levaron a que esta entidade non puidera executar tódolos orzamentos asignados, e que derivan nunha redución orzamentaria do 11 por cento para este ano 2018, cando recibirá 0,9 millóns menos que en 2017.
Advertiu que o goberno galego teña decidido reducir os orzamentos da Axega cando resulta máis imperioso revisar o Platerga e o Infoga, renovar os equipamentos e revisar o mapa de riscos de incendios, tal e como está a concluír a Comisión de Estudo para a reforma do Plan Forestal de Galicia.