O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe ao conselleiro de Sanidade un Centro de Saúde “decente” e unha atención sanitaria “digna” para os cidadáns de Lalín. Así o dixo no debate dunha pregunta oral na que criticou a baixa calidade das instalacións sanitarias nesta localidade, abandonadas polo goberno galego dende que o PP perdeu as eleccións municipais.
O responsable socialista tildou de “chambonada” a xestión da sanidade nesta localidade por parte do goberno galego, que “só consideran imprescindible cando gobernaban en Lalín”. Lembrou que en 2011 comprometeron un Centro de Alta Resolución, do que “non fixeron nada ata 2015”, cando perderon as eleccións locais, e a partir de aí a Consellería “descarta o CAR e plantexa substituílo por teleasistencia sanitaria”.
Neste sentido, lembrou que o que en 2011 era un convenio co Concello para facer o CAR, un novo Centro de Saúde e un PAC, converteuse en 2015 nun “protocolo de colaboración para estudar a viabilidade” das infraestruturas sanitarias. O responsable socialista salienta o estado deficiente do actual Centro de Saúde, nun inmoble dos anos 70 con “deficiencias e parches de arranxo imposible” que fan “inaprazable” a construción dunha nova infraestrutura.
Reclamoulle á Consellería que asuma as obras de mantemento e atenda as necesidades sanitarias urxentes mentres o novo edificio non estea rematado. Sinalou que o Centro de Saúde ten 10 profesionais que quedan apenas en 3 cando non cobren as baixas, con “partes impracticables, compartindo espazo cos servizos do PAC”, prestando un servizo que “non é decente”.