O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamou hoxe “atención pública, un centro público con persoal público” para resolver a situación de Povisa. O responsable socialista presentou unha pregunta oral ao conselleiro de Sanidade polo proceso de venta do centro vigués co que o Sergas mantén un concerto para prestar atención sanitaria a 135.000 persoas da área sanitaria.
O responsable socialista reclamou unha auditoría para coñecer a situación real do centro, e esixiu coñecer o convenio coa empresa concesionaria, que o Sergas evita facer público, así como “coñecer o seu proxecto a medio e longo prazo” para saber se realmente queren manter Povisa dentro da rede pública.
Torrado advertiu que os propietarios comezaron a operación de venda despois de ter asinado o convenio co Sergas, o que sitúa ao conselleiro como responsable de “tapar os buratiños para avalar a operación”.
Preguntou ademais “por que o Sergas non comprou Povisa”, cando finalmente, advertiu, “cómprao unha empresa que vostedes coñecen porque a montaron vostedes”, que tamén xestionou o hospital de Alzira ata que o goberno socialista tivo que devolver o centro ao sector público.
Emprego
O parlamentario socialista acusou ao conselleiro de Sanidade de “defender o emprego” do persoal do hospital “de boquilla”, xa que “máis alá das declaracións nós presentamos resolucións a favor de manter o emprego e mellorar as condicións laborais da plantilla que o PP sempre rexeitou”.
Neste sentido, explicou que os postos de traballo “salvagárdanse incluíndo cláusulas no convenio” que “lamentablemente non sabemos se o fixeron porque non temos acceso ao convenio” que o goberno galego ten agochado.