Patricia Iglesias destacou que a empresa da irmá de Feijóo recibiu 124 contratos menores a dedo en 2023 por un importe de 1,6 millóns de euros. Ademais, advertiu que desde 2018, o grupo Eulen, tamén vinculado á familia Feijóo, acumulou máis de 1.300 contratos menores cun valor próximo aos 5 millóns de euros, representando unha adxudicación case diaria
A deputada do Grupo Parlamentario Socialista puxo foco nun dos casos máis graves: “Universal Support S.A., empresa sen experiencia previa, dirixida polo cuñado de Feijóo, que obtivo contratos por valor de 15 millóns de euros para servizos de rastrexo. “Non contrataba co SERGAS antes da pandemia, pero, de súpeto, aparece como receptora de contratos millonarios
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, compareceu hoxe na Comisión de Investigación do Parlamento de Galicia para responder polas múltiples acusacións de irregularidades en contratos públicos adxudicados a dedo e pola falta de transparencia nos procedementos de contratación menor. As preguntas formuladas pola deputada do Grupo Parlamentario Socialista Patricia Iglesias puxeron de relevo patróns preocupantes de opacidade e coincidencias reiteradas de contratos entregados a empresas con vínculos familiares e persoais de altos cargos do PPdG e do propio Alberto Núñez Feijóo.
Iglesias denunciou que o abuso dos contratos menores, “que representan unha elevada porcentaxe do gasto público da Xunta”, converteu este instrumento nun “caldo de cultivo para o fraude e a corrupción”. Segundo os datos expostos, no último ano máis de 800 millóns de euros foron asignados mediante contratación menor, permitindo unha adxudicación discrecional e a fragmentación de facturas para eludir concursos públicos.
“As cifras son alarmantes. Contratos menores fraccionados, entregados a dedo, que benefician sistematicamente a empresas próximas ao círculo persoal e familiar do Sr. Feijóo e doutros altos cargos do PPdeG. Isto non é unha casualidade, é o xeito de actuar dos 16 anos de goberno do PPdeG”, subliñou Iglesias.
Entre os casos máis rechamantes destacou que a empresa da irmá de Feijóo recibiu 124 contratos menores a dedo en 2023 por un importe de 1,6 millóns de euros. Ademais, desvelou, desde 2018, o grupo Eulen, tamén vinculado á familia Feijóo, acumulou máis de 1.300 contratos menores cun valor próximo aos 5 millóns de euros, representando unha adxudicación case diaria.
A oportunidade de “facer negocio” na pandemia
A deputada socialista tamén sinalou a “oportunidade” que supuxo a pandemia para continuar con estas prácticas. Segundo os datos aportados, case a metade dos máis de 80 millóns de euros asignados en 2020 mediante contratación de emerxencia beneficiaron só a 11 empresas. En 2021, esta concentración agravouse, sendo 4 empresas as destinatarias de dous terzos do total contratado por esta vía.
Un dos casos máis graves foi o de Universal Support S.A., empresa sen experiencia previa, dirixida polo cuñado de Feijóo, que obtivo contratos por valor de 15 millóns de euros para servizos de rastrexo. “Non contrataba co SERGAS antes da pandemia, pero, de súpeto, aparece como receptora de contratos millonarios. Esta é a fórmula máxica da discrecionalidade política e a falla de controis na Xunta do PPdG”, afirmou Iglesias.
A comparecencia revelou tamén a opacidade deliberada do sistema de contratación pública da Xunta co PP. “Non hai vasos comunicantes entre o Rexistro de Contratos, a Plataforma de Contratos de Galicia e o portal de transparencia. Esta fragmentación da información dificulta o control, e o goberno galego fuxe de ofrecer datos claros e accesibles para a cidadanía”, denunciou Iglesias.
Ademais, criticou que non se dispoña de ferramentas como as de “red flags” ou sistemas contables modernos que detecten e corrixan fraccionamentos de contratos. A deputada destacou como exemplo o traballo da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Andalucía, que identificou irregularidades similares e abriu dilixencias penais en contratos sanitarios fraccionados.
Patricia Iglesias acusou directamente ao goberno de Feijóo/Rueda de desprezar a transparencia e obstaculizar calquera intento de esclarecer os feitos. “O PPdG non quere que se investigue nada. Non só bloquea a comparecencia de Alberto Núñez Feijóo, senón que perpetúa unha cultura de opacidade e falta de responsabilidade política”, afirmou.
A deputada socialista pechou a súa intervención subliñando que estas irregularidades non son anecdóticas, senón estruturais, e están vinculadas a un modelo de xestión do PPdG que prioriza os intereses privados sobre o ben público. “Os contratos menores e as adxudicacións a dedo son o reflexo dunha forma de gobernar centrada nos privilexios e non no interese xeral. En pleno século XXI, isto é inadmisible nunha democracia avanzada”, concluíu Iglesias.