O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, sinalou hoxe que catro meses despois os incendios de outubro as axudas anunciadas daquela por Feijóo “contrastan coa realidade de hoxe”. Durante unha visita ao concello de Carballeda de Avia e dun encontro co alcalde, Luis Milia, alertou dunhas axudas “insuficientes” e “alleas á realidade”.
O responsable socialista sinalou que meses despois “constatamos que a liña de subvencións publicitada daquela revelouse como un mero intento de tapar a responsabilidade da Xunta”. Sinalou a escaseza deste apoio, por canto as solicitudes para danos en vivenda presentadas tan só polo concello de Carballeda de Avia xa supoñen o 75 por cento do total previsto pola Xunta para toda Galicia.
Neste sentido, anunciou unha ofensiva parlamentaria dos socialistas galegos para reclamarlle ao goberno galego que eleve as partidas “botando man como mínimo do seu propio fondo de continxencia”. Tan só esta medida, explicou, “permitiría multiplicar as axudas por tres”.
Ademais, advertiu que o apoio aos afectados está a ser xestionado “sen ter en conta a realidade sobre o terreo”, cando se trata de apoiar a “xente humilde con escasos recursos” que acaban sendo “vencidas polas trabas burocráticas introducidas pola Xunta”. Sinalou así ao requisito “non razoable” de que os veciños teñan que adiantar os recursos para recuperar as súas vivendas accedendo a créditos fora do seu alcance.
Neste sentido, foi o alcalde do Concello, Luis Milia, quen explicou que persoas maiores con pensións de 500 euros, para acceder ás axudas de 98.000 euros da Xunta, reciben tan só 25.000 e vense obrigadas a adiantar o resto para a obra ata que lles pague o goberno galego.
Ademais, explicaron, as axudas para hórreos, almacéns e galpóns, teñen que afrontar “esixencias imposibles de cumprir”, e que “comprometen o seu futuro”, xa que dependen delas para sobrevivir. Fernández Leiceaga dixo que os socialistas esixirán explicacións no Parlamento sobre a tramitación das axudas, ademais de presentar iniciativas para modificar os criterios “para que encaixen na realidade dos afectados”.
O portavoz socialista sinalou a discrepancia entre a publicidade da Xunta e a realidade, cando se trata dun incendio que “nin sequera foi provocado, co que de trama incendiaria nada de nada”, e ademais “evidencia que a retórica do compromiso co rural tradúcese á hora da verdade no abandono do rural”.
Alcalde
O alcalde do Concello criticou que 4 meses despois “seguimos á espera de todo, agardamos que os expedientes se resolvan”, logo de ter entregado o 98 por cento deles, entre os que contan 34 de danos ás vivendas. Tamén seguen agardando os 350.000 euros de danos ao Concello, dos que “non recibimos nin un duro” para unha administración con “problemas para pagar as facturas dos gastos derivados do incendio”.
Lembrou os problemas ocasionados ás industrias, que tampouco foron axudadas polo goberno galego, como o caso das dúas granxas de Coren que arderon, ou a maquinaria inutilizada da industria da pedra e que “non poden pagar outra e tampouco poden traballar”. Reclamou “axilidade” nas axudas porque “van paralizar a pouca industria que temos aquí”.
O alcalde anunciou a solicitude de audiencia ao presidente da Xunta para presentarlle un proxecto de recuperación do monte en colaboración coa Universidade de Santiago con axudas estatais e da UE que terá un custe cero da Xunta. O obxectivo do proxecto é “recuperar o monte xerando emprego, fixando poboación e xerando riqueza” pero que, advertiu, “debe estudarse canto antes”.