A Comisión de Cultura do Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para instar á Xunta a concederlle “colaboración institucional e orzamentaria” á Fundación Pondal e colaborar coas distintas institucións e entidades culturais para poñer en valor a figura de Eduardo Pondal.
A deputada socialista Loli Toja foi a encargada de defender esta proposta dirixida, explicou, a “reverter a situación actual e reivindicar a figura” do escritor e intelectual de Ponteceso no centenario do seu falecemento. A responsable socialista reclamou “medidas concretas e non só boas intencións” por parte do goberno galego para poñer en valor a súa figura.
Preguntou se “non merece o autor do himno galego un recoñecemento ou algo mais por parte do goberno galego?”, para corrixir a súa “actuación deficiente” cun “poeta nacional”. Advertiu que “non se levou a cabo unha exposición sobre o autor, nin se promoveu ningún Congreso, tampouco se editaron textos coa súa obra e biografía, páxina web para o seu relance o mundo nin unha miniserie na TVG”.
Toja presentou unha proposta aprobada previamente de forma unánime no Congreso e que foi consensuada na Cámara Autonómica para reclamar “continuidade ás iniciativas de difusión e conmemoración da figura e da obra do intelectual, escritor e poeta pontecesán”. O Parlamento reivindica así “unha programación de actividades continuadas e diversas que poñan en valor o seu legado social”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a que con motivo do cumprimento do centenario do falecemento do escritor Eduardo Pondal lle dea continuidade ás iniciativas de difusión e conmemoración da figura e da obra do intelectual, escritor e poeta pontecesán, a través da colaboración institucional e orzamentaria coa Fundación Pondal e a colaboración con distintas institucións e entidades culturais e, principalmente, coas fundacións de escritores/as do Rexurdimento para contribuír a impulsar unha programación de actividades continuadas e diversas que poñan en valor o seu legado social”.