A Comisión de Medio Ambiente aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que leve adiante o desenvolvemento normativo da Lei que regula o uso dos cans guía, aprobada en 2003 e paralizada dende entón. A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, foi a encargada de defender esta proposta que foi aprobada por unanimidade.
Vilán ironizou coa intervención do PP, que presumiu de que Galicia foi “pioneira” no seu día ao aprobar esta norma, reclamando unha “medalla ao goberno galego por ser pioneiros en incumprir e non desenvolver” as súas propias normas. Sinalou que esta norma segue por exemplo o mesmo camiño que a Lei de Accesibilidade, a Lei de Caza ou a Lei de Benestar Animal, nas que a Xunta fai caso omiso do prazo límite fixado para o seu desenvolvemento regulamentario.
Explicou que, debido a este bloqueo regulamentario, Galicia carece hoxe de “procedemento de acreditación, rexistro nin identificación oficial dos cans de asistencia”. A parlamentaria socialista sinalou que a Lei galega queda moi por detrás por exemplo da que vén de ser aprobada en Castela e León, xa que en Galicia non se regula a posible identificación do can en formación para asistencia.
Ao contrario da comunidade veciña, en Galicia non se recoñece aos cans guía acreditados como tales á entrada en vigor da Lei, e tampouco ten en conta aos cans procedentes de fóra de Galicia nin a figura dos “cans de asistencia xubilados”. A cambio, a lei galega “só prevé a promoción pola Xunta de campañas informativas, divulgativas e educativas dirixidas á poboación xeral, pero non di nada para os centros de ensino ou sectores coma hostalería, comercio, transporte e servizos”.
Proposta
A iniciativa aprobada hoxe reclama o desenvolvemento normativo da Lei sobre o Dereito de Acceso ao Entorno das Persoas con Discapacidade acompañadas de Cans de Asistencia antes do remate desta Lexislatura, abrindo para iso un procedemento participativo.
Tamén prevé o desenvolvemento de campañas informativas, divulgativas e educativas relacionadas cos beneficios, dereitos e obrigas no uso de cans de asistencia dirixidas sinaladamente aos centros de ensino e sectores coma a hostalería, o comercio, transporte e servizos públicos.
A proposta orixinal incluía tamén a reforma da Lei e a potenciación o Comité Consultivo para a Protección Animal, regulado na Lei 4/2017 de Protección e Benestar dos Animas de Compañía en Galicia, como órgano de consulta e asesoramento con relación aos cans de asistencia. Sen embargo, estes tiveron que ser retirados pola transacción co PP para conseguir que a iniciativa fora parcialmente aceptada.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento insta á Xunta de Galicia a:
1.- Proceder, antes do remate da lexislatura, ao desenvolvemento normativo en materia de acceso á contorna das persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia, abrindo ao efecto un procedemento participativo de cara a ese desenvolvemento.
2.- Promover campañas informativas, divulgativas e educativas relacionadas cos beneficios, dereitos e obrigas no uso de cans de asistencia e dirixidas especialmente aos centros de ensino e a sectores como hostalería, comercio, transporte e servizos públicos”.