O Pleno do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de Lei do Grupo socialista para reclamarlle á Xunta que inicie a limpeza de residuos mariños, sinaladamente plásticos, das praias e fondos mariños de Galicia. A iniciativa foi presentada pola portavoz de Medio Ambiente, Patricia Vilán, e resultou aprobada por unanimidade.
A responsable socialista urxiu ao goberno galego a tomar “medidas inmediatas, incluídas a formación e concienciación” para reducir a presenza de residuos e recuperar así a biodiversidade e os ecosistemas mariños. Propón estender a tódolos espazos sensibles a iniciativa coa que o ano pasado foi limpado de plásticos a illa de Sálvora, e que en 2019 incluirá Ons e Cortegada, na II Rede para a recuperación dos ecosistemas mariños no PNMT Illas Atlánticas de Galicia.
Propuxo unha iniciativa semellante en toda a costa galega, centrada en tres eixos, que son a sustentabilidade e concienciación, o fomento do coñecemento, xestión e conservación e, finalmente, accións de mellora como a retirada de residuos. Esta é a maneira, dixo, de evitar a entrada dos microplásticos na cadea trófica mariña e, por extensión, a chegada ao consumo humano.
Advertiu que Galicia é especialmente sensible a este tipo de contaminación, con 1.500 quilómetros de costa –sen incluír as illas- ameazada polo lixo mariño producido na UE, o segundo maior produtor de plásticos do mundo. Hoxe, o 32 por cento do plástico utilizado polos seres humanos acaba na natureza, e calcúlase que 8 millóns de toneladas chegan cada ano a mares e océanos.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento insta á Xunta de Galicia a adoptar medidas inmediatas (incluídas de formación e concienciación) para reducir a presenza de residuos mariños nas praias e fondos mariños de Galicia, recuperando así a biodiversidade e os ecosistemas mariños”.