A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, trasladou hoxe o apoio dos socialistas galegos ás mobilizacións dos traballadores e traballadoras da administración de Xustiza de Galicia. Durante as mobilizacións celebradas hoxe en Pontevedra, a portavoz socialista presentou unha serie de iniciativas parlamentarias recollendo as demandas deste colectivo.
A responsable socialista presentou transformou en iniciativas parlamentarias as peticións para rematar coa discriminación destes traballadores, que lles trasladaron aos socialistas galegos logo dun encontro que mantivo esta semana cos representantes dos sindicatos SPJ-USO, CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO, respaldadas por tódolos traballadores agás xuíces, fiscais e secretarios xudiciais.
Vilán amosou o respaldo dos socialistas galegos ás protestas convocadas polos representantes destes sindicatos na administración de xustiza, que tiveron lugar hoxe diante das sedes xudiciais de toda Galicia, así como á folga xeral convocada para os días 1 e 13 de novembro e a advertencia dunha folga indefinida a finais de xaneiro.
Os socialistas reclaman a consolidación das prazas que responden a necesidades estruturais e a reposición de tódalas prazas que foron amortizadas, que calculan en 106 postos de traballo eliminados dende o ano 2012. Advirte que esta situación “supón maior carga de traballo e, polo tanto, un peor servizo á cidadanía, con seccións das audiencias provinciais colapsadas e problemas á hora da execución de sentenzas”.
Solicitou ademais a equiparación salarial co resto das comunidades autónomas “en cuestións como o complemento autonómico transitorio, descontos por incapacidade laboral ou substitucións” para un persoal que perdeu paulatinamente capacidade salarial entre 2013 e 2016 que non foi reposta.