O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, sinalou hoxe que “estamos a favor de reclamar aqueles bens mobles ubicados no Pazo de Meirás sobre os que exista a posibilidade xurídica de facelo”. O responsable socialista subliñou que “non nos interesan as bacinillas nin o axuar doméstico, pero si aqueles bens substraídos ao Estado polo ditador.
O responsable socialista apuntou que o proceso xudicial para a recuperación do Pazo de Meirás “esta a ser no seu conxunto un éxito que ninguén podía prognosticar hai soamente 2 anos, cando aínda non se presentara a demanda xudicial por parte da avogacía do Estado”. Lembra que “daquela absolutamente ninguén apostaría os seus cartos a que se recuperaría a propiedade sen ter que indemnizar aos Franco polo valor do Pazo”.
Lembrou que “hoxe temos dúas sentenzas que din que os Franco non son propietarios, senón que o propietario é o Estado, e o único que se discute son os gastos feitos no Pazo dende 1975, que no seu caso terán que acreditarse un por un”. Un éxito, engadiu, que “debemos ao compromiso coa memoria democrática e á firme vontade política dun goberno progresista”.
Arangüena apunta que “logo de que o goberno de Emilio Pérez Touriño declarara BIC o Pazo en 2008, quen presentou a demanda para a recuperación do inmoble foi a avogacía do Estado seguindo a iniciativa dun goberno progresista”.
Apuntou que “se fora por Feijóo, o Pazo seguiría nas mans dos Franco”, xa que “a única actuación do goberno de Feijóo foi un acordo coa Fundación Franco no ano 2010 para que se fixeran visitas guiadas 4 días ao mes -nas que durante anos fíxose apoloxía do franquismo- a cambio de 21.500 euros anuais”.
Advirte que incluso no ano 2019 o propio Feijóo sinalaba que “darlle voltas á ditadura franquista non forma parte das prioridades nin do PP nin da maioría dos cidadáns”, daquela en relación coa exhumación dos restos do ditador.