O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, instou hoxe ao presidente da Xunta a aceptar un acordo “razoable, sensato e negociado sen tensións” para ampliar o autogoberno de Galicia “dentro da Constitución e do Estatuto”. O responsable socialista advertiu na sesión de control ao presidente que o recente xiro autonomista de Feijóo revelarase como “fume” de negarse a aceptar a man tendida dos socialistas galegos.
Fernández Leiceaga defendeu un “federalismo equilibrado e igualitario” e acepte a folla de ruta proposta polos socialistas galegos, que presentaron unha proposición de Lei para reivindicar a transferencia de Tráfico e Policía Autonómica, así como unha proposición non de Lei para fixar un catálogo de 30 competencias que xa xestionan outras comunidades autónomas.
Os socialistas galegos solicitan que Galicia asuma a xestión do litoral, o catastro ou a inspección de traballo ata situarse ao mesmo nivel do País Vasco e Cataluña para “mellorar as condicións de vida dos galegos e das galegas”.
Fernández Leiceaga acusou a Feijóo de escudarse no debate dos Orzamentos xerais para “evitar a súa responsabilidade”, e apelou á emenda presentada polos socialistas galegos que “vamos discutir en horas”. Lembrou que estas propostas terán sentido de aprobarse a tramitación inicial dos Orzamentos, e sinlaou que “se me asegura o voto dos seus deputados en Madrid a favor dos Orzamentos vamos aumentar as aportacións a Galicia bastante máis do que ostede pide”.
Liñas vermellas
O portavoz socialista acusou ao presidente da Xunta de utilizar subterfuxios para eludir o debate sobre a axenda do autogoberno demostrando que o seu recente “xiro autonomista” era en realidade “unha cortiña de fume e unha manobra de diversión”. A realidade, dixo, é que “acepta as liñas vermellas das forzas que non cren no autogoberno, defenden a recentralización e non cren que se poida ser galego e contribuír a unha España máis forte”.
Lembrou neste sentido que foi o propio Feijóo dende a oposición quen “fixo imposible” a reforma do Estatuto de Autonomía impulsada polo presidente socialista Emilio Pérez Touriño, e que permitiría elevar o nivel competencial desta Comunidade Autónoma.
A continuación, con Rajoy na Moncloa e Feijóo no goberno galego, “non seu produciu ningunha transferencia” a Galicia, unha posición que mudou co novo talante do goberno de Pedro Sánchez que o responsable socialista chamou a aproveitar.