Silvia Longueira esixe “solucións reais e inmediatas” partir dun Plan de choque para reactivar un “sistema colapsado” con listas de espera que “non deixan de medrar” e o persoal “ao límite”
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou hoxe ao goberno galego de “vulnerar os dereitos” dos dependentes galegos provocando o “colapso” do sistema. Longueira presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para esixir un Plan estratéxico que reactive un sistema lastrado polo desleixo da Xunta.
Longueira alertou da realidade “desgarradora” dos dependentes galegos, con esperas de ata dous anos para acadar unha resolución, unha cifra intolerable cando “en torno a 400 galegos e galegas faleceron” nos últimos anos mentres agardaban polo seu dereito. Reclamou “solucións reais e inmediatas” para rebaixar “unhas listas de espera que non deixan de medrar” e uns profesionais “ao límite”.
Dixo que “Galicia merece un sistema que coide das súas persoas” e esixiulle ao presidente da Xunta que pare coas “escusas” para xustificar o “fracaso” de xestión provocado polo seu “desleixo”, que “está a danar ás persoas máis vulnerables”. Criticou que o goberno galego está a converter a dependencia nun “dereito de papel” e deixa aos beneficiarios “abandonados”, tal e como evidencia o último informe do Observatorio da Dependencia.
Este documento sinala que o financiamento deste dereito vai en Galicia ao revés do resto do Estado, xa que segundo os últimos datos coñecidos o Estado asume o 40,69 por cento do financiamento logo de duplicar a aportación dende 2020 ata chegar aos 210 millóns de euros, a Xunta o 36,8 e os usuarios o 22,5 por cento. Mentres, na media estatal os usuarios asumen o 20,4 por cento, as comunidades autónomas o 48 por cento e o Estado o 31,5 por cento.
Acusou ao goberno galego de “baleirar” os servizos sociais, que dirixe cara á súa “deslexitimación”, segundo ratifica o informe da Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, que ofrecen un “relato falido” da aplicación da Lei de Promoción da Autonomía Persoal en Galicia. Esta Comunidade Autónoma situábase no momento de elaborar o informe á cola do Estado, tan só por riba de Murcia e Cantabria e empatada con Madrid.