O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, aplaudiu hoxe que o goberno galego teña tomado medidas sanitarias fronte a pandemia en Ourense que “hai unha semana rexeitaban no Consello Interterritorial de Saúde –CIS- despotricando contra o Ministerio de Sanidade”. Torrado presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que acusou á Xunta de “facer de faldeiros do peor epidemiólogo do país: Isabel Díaz Ayuso”.
O responsable socialista criticou a posición do presidente da Xunta de respaldar á presidenta da Comunidade de Madrid no CIS xa que, dixo, “entre a saúde e Ayuso, entre Galicia e Ayuso, entre a colaboración leal e Ayuso elixiron Ayuso”. Torrado contrastou o voto en contra do goberno galego coa postura dos socialistas galegos e do presidente de Asturias –a quen citou o propio conselleiro- para sinalar que “non nos verá criticar as decisións que están a tomar en Ourense”.
Reclamoulle ao goberno galego que exerza a mesma lealdade e cooperación e acusou a Feijóo de “vender a coherencia para gañar o relato” ao pasar o confinamento mirando para as eleccións autonómicas en alusión ás críticas de Feijóo contra o Estado de Alarma. Lembrou neste sentido que o presidente da Xunta anunciara que había 6.108 rastrexadores para que tivera que vir o conselleiro a “pintarlle a cara ao presidente dicindo que non era posible definir aos rastrexadores”.
Julio Torrado alertou dos “problemas de coordinación” do goberno galego, con persoas que reciben notificacións por PCR que non fixeron e outras que fixeron e non reciben as notificacións, ou contactos estreitos de positivos aos que ás veces chaman e outros que non, e áreas sanitarias nas que lles fan as probas e outras que non.
Cuestionou finalmente a “suposta anticipación” do goberno galego, que malia á urxencia do presidente da Xunta tomou dous meses despois das eleccións para formar goberno e a poucos días de empezar o curso mudaba as cúpulas de Educación e Sanidade e da dirección xeral de Maiores no que foi unha “autoemenda á totalidade” da súa xestión.
O parlamentario socialista engadiu os problemas para que os concellos coñezan os datos de coronavirus dos seus concellos dos que “levamos mes e medio enterándonos polos medios porque alguén llelo filtra”.