Paloma Castro considera unha “irresponsabilidade absoluta” o cuestionamento do sistema Viogen por parte da conselleira de Igualdade e do presidente da Xunta
Anima a toda a sociedade a participar no 25N marcado pola traxedia dun “fin de semana negro” con dúas mulleres asasinadas en España e dúas feridas graves na provincia de Lugo
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe á Xunta que atenda á reivindicación social e “pase do papel á acción” contra a violencia de xénero e apoie a loita de toda a sociedade contra o terrorismo machista. A responsable socialista interveu con motivo da celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller para pedirlle ao goberno galego que exerza a cobertura legal da que dispón e comece por cumprir os plans executivos que “non están a cumprir”.
A responsable socialista apuntou que “non chega” con celebrar actos na rúa e cumpre tomar “medidas reis” para frear os asasinatos machistas e preservar a integridade das mulleres, sinaladamente logo dun “fin de semana negro”. Aludiu ás dúas mulleres asasinadas esta fin de semana e ás dúas vítimas de agresións machistas onte mesmo en Galicia, que están a ser tratadas no Hospital de Lugo.
Advertiu que o que non axuda é a “irresponsabilidade absoluta” amosada pola conselleira de Igualdade, secundada polo presidente da Xunta, de cuestionar o sistema VioGen, co que están a “poñer en risco a seguridade das vítimas”. Advertiu ademais do “contrasentido” que supón comezar dicindo que as vítimas teñen que denunciar para acto seguido dicir que o sistema que as protexe “non é efectivo”, como fixo onte a conselleira nunha entrevista.
Criticou o “intolerable cuestionamento dun sistema que salva vidas e que está en continua revisión e mellora” porque “funciona e protexe” por un amplo equipo que traballa de forma “permanente e continua” para que as mulleres estean protexidas. Apelou ao traballo “incansable” das forzas e corpos de seguridade encargadas de facer o seguimento 24 horas ao día 365 días ao ano, e medidas como o sistema Cometa, que vén de renovar as pulseiras de seguimento.
Reiterou que “o sistema funciona” e incidiu en mandar unha mensaxe ás mulleres vítimas e a tódalas testemuñas de casos de violencia de que “dean o paso de denunciar, porque é a chave que abre a porta da súa liberdade”. Advertiu que a maior parte das mulleres asasinadas non tivera denunciado e que o sistema non fallou en ningún dos catro casos tráxicos de asasinatos machistas rexistrados en Galicia no que vai de ano, tal e como sabe a Xunta.
Fascismo misóxino
Paloma Castro reclamou a implicación de toda a sociedade para illar aos agresores ata erradicar o que cualificou de “terrorismo machista, que pon en risco a liberdade, a igualdade e a democracia”, nunha “sorte de fascismo misóxino” que supón o “exercicio de poder extremo dun ser humano sobre outro ata a súa morte”.
Chamou ao compromiso da sociedade para impedir que calen as mensaxes negacionistas que están a provocar que o 23 por cento dos mozos e o 13 por cento das mozas pensen que o machismo é un invento ideolóxico. Advertiu que a pesares de tódolos avances lexislativos e sociais os índices de violencia machista “seguen a ser escandalosamente altos e absolutamente inaceptables”, e levan a pensar na persistencia dun tipo estrutural de violencia machista.
Castro emprazou a traballar en 3 eixos, que son a educación, a formación en igualdade dos profesionais que traballan en primeira liña coas mulleres vítimas e na coordinación interinstitucional que asegure unha asistencia axeitada ás vítimas que decidan denunciar, coordinando o eido xudicial, psicolóxico, laboral, económico, habitacional e de protección.
A responsable socialista lamentou que o goberno galego non estea a tomar en serio o papel fundamental dunha educación en igualdade para crear unha sociedade de futuro que sexa igualitaria. Lamentou que a conselleira non teña asumido que no Pleno do Parlamento foi aprobada unha proposta socialista para incorporar a educación afectivo – sexual nas escolas a partir do próximo curso.
Lamentou que nas declaracións de onte se amosara esquiva neste aspecto e advertiu que “non chega” con manter charlas nos institutos, xa que “ten que formar parte do currículo educativo”. Só así será posible que os nenos e nenas medren tendo claros os conceptos da igualdade, o respecto mutuo, a solución non violenta de conflitos nas relacións, o rexeitamento da violencia contra as mulleres, ou o que é a violencia sexual, a pornografía, a prostitución.
Sinalou que os nenos e nenas deben ser educados para “romper coa estrutura sexual que acostuma a tolerar e consentir os abusos e a cosificar os corpos das mulleres” e así comezar por “replantexarnos todos e todas as relacións interpersonais”.
Amosou a súa sorpresa por que a conselleira fora “incapaz” de lembrar unha sola medida da anunciada Lei contra a Violencia Dixital, o que limita este anuncio do goberno galego á “mera publicidade”. Finalmente, criticou que o goberno galego non puxera en marcha unha sola das medidas do I Plan contra a Trata 2022-24 e reducen en 300.000 euros a partida orzamentaria mentres a conselleira sitúa o foco no impulso da Lei de Trata.
Esta norma, que iniciará en breve o trámite parlamentario, incorpora unha modificación do Código Penal para camiñar cara á abolición da prostitución, e reclamoulle a PP e BNG que rectifiquen e apoien esta medida porque “é imposible considerarse feminista e estar a favor da mercantilización do corpo das mulleres”.