A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez vén de presentar no Parlamento unha serie de iniciativas para reclamarlle á Xunta que poña en marcha o novo Centro de Saúde de Pereiro de Aguiar. A infraestrutura xa está rematada, e mesmo inaugurada “oficialmente” polo presidente da Xunta o pasado 6 de novembro, pero segue sen abrir as portas.
A responsable socialista considera incomprensible este novo retraso dunha instalación fundamental para os veciños e veciñas da localidade, que logo de anos de atrasos continuados, teñen que ver como a día de hoxe continúa pechado en plena pandemia.
Esta actuación remóntase ao ano 2014, cando Grupo Socialista presentaba unha moción no Concello para solicitarlle á Xunta un centro de saúde con medios materiais e humanos suficientes para as necesidades da poboación. Os socialistas galegos reclamaron que o centro incluíra novas especialidades en Fisioterapia, Primaria e Pediatría, que agora será rotativa e compartida con outros concellos cando Pereiro ten máis de 800 rapaces e rapazas de menos de 15 anos.
Non foi ata novembro de 2017 cando a Xunta anunciaba a construción do novo centro de saúde, que aínda comezaría as obras en outubro de 2018, ata o día de hoxe, en que a obra xa está rematada pero aínda segue sen estrear. Sinalou que a día de hoxe ademais “non se iniciaron as obras do aparcamento”.