A portavoz de Urbanismo do Grupo Socialista, María Pierres, sinalou hoxe o “dubidoso éxito” do programa de vivenda baleira da Xunta de Galicia, que tan só conseguiu adxudicar 7 vivendas, das escasas 16 postas a disposición desde a súa posta en marcha no ano 2016. A responsable socialista chamou a “reforzar e incentivar a participación” dos propietarios e contemplar todas as fórmulas para impulsar vivendas de promoción pública, xa sexan de nova construción, froito da rehabilitación, ou coa incorporación de vivendas baleiras.
Pierres apuntou ao esforzo totalmente errado do goberno galego, dirixido á adhesión dos concellos, que ademais de ter unha dirección cuestionable ofreceu uns resultados nefastos, xa que “16 vivendas ó mellor corresponden a unha probable oferta en tan só 2 ou 3 concellos en toda Galicia”. Apuntou así aos casos do Barbanza, onde non se puxo no mercado “nin unha soa vivenda en 2 anos”, ou o de Ourense, que en 2017 “non conseguiu adxudicar nin sequera un piso pola situación deficiente dos 5 ofertados, a pesares de existir unha demanda por parte de 80 persoas”.
As axudas ofertadas para a rehabilitación e posta a disposición destas vivendas , único incentivo contemplado nestes anos, só conseguiu rehabilitar 4 vivendas de 3 propietarios en toda Galicia, cun 3,5% do total previsto para este fin. Outra mostra da total ineficacia das medidas postas en marcha en torno a este Programa de Vivendas Baleiras, e da incapacidade para captar o interese dos propietarios e propietarias de vivendas, máis interesados nas rendibilidades económicas que lle ofrece o mercado de alugueiro libre.
A parlamentaria socialista apuntou que as garantías previstas por parte do IGVS, como son un seguro multirrisco fronte a danos ou un seguro de cobro “non son suficientes, máxime coa chegada para quedarse das vivendas turísticas”. Sinalou a necesidade de aprender dos erros e dos resultados tan negativos acadados e implementar maiores incentivos para as e os propietarios, con exemplos “máis eficaces”, como o propio do Concello de Vigo, e instou á Xunta a revisar os programas doutras autonomías, con incentivos ao pago por parte da administración autonómica de impostos como IBI, lixo ou alcantarillado.
Proposta de Resolución
Pierres instou ao goberno galego a cumprir canto antes coa Proposta de Resolución aprobada por unanimidade no pasado debate do Estado da Autonomía, que a iniciativa dos socialistas galegos acordou pedirlle ao goberno galego que amplíe progresivamente o parque de vivenda pública. O obxectivo, explicou, é duplicar a oferta en cinco anos, incorporando neste prazo máis de 3.000 vivendas novas ou rehabilitadas, sinaladamente nos concellos con maior demanda non atendida, e co fin prioritario de dedicalos a alugueiro social.