A responsable da Área Institucional do Grupo Socialista, Teresa Porritt, reclamoulle hoxe á Xunta que implante escolas infantís públicas nos contornos dos complexos administrativos autonómicos. Presentou esta proposta en Comisión parlamentaria, onde foi rexeitada polo PP, malia que no pasado Debate do Estado da Autonomía aprobou unha proposta para incrementar as prazas de escolas infantís preto dos edificios administrativos.
Porritt reivindicou unha “aposta decidida polo público, que favorece a toda cidadanía dándolle os servizos aos que teñen dereito, ou se queren continuar co seu modelo de concerto e privatización que beneficia a uns poucos”. A responsable socialista rexeitou a xestión do PP que, dixo, “privatizan os servizos públicos para darlle máis beneficios as empresas”, en lugar de “prestar un bo servizo á cidadanía como servidores públicos”.
A responsable socialista lamentou que mentres “publicitan a financiación de escolas infantís en polígonos industriais e empresas privadas, non o fan nos seus propios centros de traballo”, cando a propia Xunta de Galicia “conta con escasos espazos dedicados a escolas infantís nos seus propios centros de traballo máis importantes”. Explicou que San Caetano carece destes servizos, que si que teñen sen embargo outros centros como o de Vigo e Pontevedra.
Os socialistas reclamaron hoxe que a Xunta elabore, contando coa participación das organizacións sindicais máis representativas, unha proposta para a prestación destes servizos de escolas infantís públicas dirixidas ao persoal dos complexos de San Caetano e San Lázaro, pero tamén para A Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense.
Explicou que a Administración autonómica “ten que ser un exemplo a seguir polo resto de axentes económicos” con medidas de conciliación e “nomeadamente implantando escolas infantís nas súas instalacións cun horario adecuado” ao dos seus traballadores e traballadoras. Lembrou as vantaxes destas medidas, reducindo o absentismo, mellorando a produtividade, aumentando a calidade do tempo de descanso, reducindo os desprazamentos ou favorecendo a lactancia materna.