A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou hoxe ao goberno galego de utilizar a Lei de Acompañamento aos Orzamentos para modificar “pola porta de atrás” ata 29 leis e 6 decretos. Así o dixo no debate final desta Lei, que foi aprobada incluíndo 4 das 66 emendas dos socialistas e incorporando outras 59 emendas sobrevidas do PP reformando mesmo normas non incluídas no texto orixinal.
A responsable socialista censurou o recurso a unha práctica criticada pola doutrina constitucional, que fora erradicada polo goberno presidido polo socialista Touriño pero recuperada por Feijóo para eludir os requisitos de publicidade, posta disposición pública, os informes preceptivos, o ditame do CES ou o debate coas administracións locais.
Criticou que esta sexa a única Lei que ten aprobado a Xunta en todo o ano, cun mecanismo que Feijóo ten utilizado para modificar 168 leis e 560 cuestións normativas concretas dende 2009. Puxo en dúbida así a opacidade do goberno galego, que utiliza o seu “rodillo” parlamentario para desprezar o labor da oposición, lembrando a intervención do secretario xeral do PP na que comparou as aportacións da oposición con “levar ao can ao psicólogo: sae igual que entra”.
Lamentou que o mesmo portavoz do PP cualificara de “emendas lixo” ás aportacións da oposición, antes de lembrar que as emendas do grupo que sustenta ao goberno mesmo afectan a leis que o proxecto da Xunta nin mencionara, como a Lei de Caza de Galicia, a Lei do CES ou o decreto que regula os centros de menores e de atención á infancia. Rexeitou esta práctica coa que “a pesares da maioría absoluta deciden mesturalo todo nunha única Lei e aprobala pola porta de atrás”.
Conto de Nadal
Rodríguez Rumbo explicou as 66 emendas do Grupo Socialista nas que cuestionan as medidas fiscais defendidas por Feijóo, que cualificou de “conto de Nadal” ao presentar como positivo unha rebaixa do imposto do Patrimonio que en realidade beneficia ás 7.132 persoas de maior renda de Galicia e suporá que a Xunta deixe de percibir 12 millóns de euros.
Os socialistas reclamaron a retirada desta rebaixa que “favorece aos que máis teñen” para implantar unha fiscalidade progresiva con deducións para rehabilitación de vivenda, familias monomaternais ou monoparentais, así como o incremento do gravame do IRPF ás rendas máis altas ou a aplicación de impostos medioambientais.
Propuxo tamén a revisión de prezos académicos dos estudos universitarios e a gratuidade das primeiras matrículas, ademais da aplicación das medidas do II Acordo para a Mellora do Emprego Público asinado en marzo polo goberno de Rajoy cos sindicatos.
A parlamentaria socialista reclamou ademais a posta en marcha dunha Oficina de Control Orzamentario no Parlamento para garantir maior transparencia no seguimento dos orzamentos da Xunta. Así o dixo logo de acusar ao goberno galego de ter modificado o 10 por cento do Orzamento da Xunta no momento da súa execución “desvirtuando o compromiso inicial”.
Emendas aprobadas
O texto final incorpora dúas emendas “técnicas” presentadas polos socialistas galegos, ademais dunha transacción cunha emenda do PP para suprimir a figura do Pedriatra de Área logo da forte contestación social que ten provocado e que evidencia o “sentido economicista dos servizos públicos: custe fronte a calidade”.
Ademais, Rodríguez Rumbo sinalou tamén a transacción dunha proposta socialista, presentada a instancias do sindicato UGT, para que a carreira profesional dos funcionarios de administración xeral teña carácter consolidable.