O deputado socialista Julio Torrado vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta unha “solución definitiva e estable” para Thenaisie Provote -Fábrica de Rons-. Torrado acusa ao goberno galego de ter “falseado información en sede parlamentaria” sobre a situación da factoría e de ter “renunciado a traballar nunha solución que defendera a todo o colectivo de traballadoras”.
O responsable socialista acusou ao goberno galego de terse negado a compartir a información sobre “o interese dalgunha empresa que puidese ter ambición de facerse coa firma pero reducindo un gran volume de traballadoras”. En lugar diso, “agochou a existencia deste intercambio empresarial, prexudicial para a plantilla, validando e servindo de aval para esta operación”.
Torrado engade que “na actualidade a Xunta amosou ser incapaz de resolver a situación, evidenciando que apostaron por favorecer a unha empresa concreta que entrara na solución, pero que terminou por retirar a súa oferta”. En conclusión, dixo, “a administración autonómica dificultou todas as posibilidades de atopar unha solución, pero tampouco conseguiu ningunha que fose viable”.
Acusou ao goberno galego de ter abandonado aos traballadores e traballadoras da conserveira, que ten en O Grove a nave conserveira e en Mos a central operativa e de loxística, para “admitir sumisamente os criterios de especulación empresarial que viñeron xogando cos postos de traballo” na difícil situación da firma propietaria.
Sinala que a Xunta “tivo na súa man resolver a situación coa procura activa de compradores ou coa mediación coa firma propietaria para buscar solucións tendo en conta ás traballadoras e o impacto social dunha perda empresarial deste nivel”. Pola contra, intentaron “aparentar actividade” co que na realidade era “unha inacción evidente ante un proceso de descapitalización para vender a outra firma empresarial que puidera alixerar á empresa de postos de traballo”.
Julio Torrado lembra que o propio PP, que sustenta ao goberno, quedou en evidencia cando se manifestaba “a favor de manter o emprego ao tempo que se negaban a aceptar un acordo parlamentario suscitado polo Grupo socialista que incluíra a defensa de manter tódolos postos de traballo”.
Agora reclámalles que “realicen tódolos esforzos para garantir unha solución definitiva e estable para Thenaisie Provote, que conte coa previsión de salvagardar os dereitos de todas as traballadoras da empresa conserveira e que medie en favor deste colectivo nas súas reivindicacións ante futuras novas firmas empresariais”.