O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, acusou hoxe ao goberno galego de “desentenderse” dos autónomos e das Pemes, dado que “non lles consignou axudas directas” pola crise derivada da pandemia. Así o dixo no debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento, na que advertiu que as axudas anunciadas polo goberno “non se sustentan orzamentariamente”.
O responsable socialista advertiu que o plan publicitado polo goberno galego para este sector “é un máis dos que a Xunta ten anunciado e que xamais se executan” xa que, dixo, “é posible modificar as partidas, consignar fondos comunitarios con máis amplitude ou o propio fondo de continxencia”. “O goberno galego ten capacidade orzamentaria para darlle resposta a un problema moi serio”, resumiu Juan Carlos Francisco.
Francisco esixiulle ao goberno galego siga pola senda marcada polos concellos e polo goberno central, que ten inxectado 300 millóns de euros mensuais en nóminas para os traballadores galegos, que en 5 meses beneficiaron a 85.000 autónomos e 270.000 galegos e galegas afectados por ERTEs.
O parlamentario socialista chamou a atención sobre a “situación dramática” que está a vivir a economía galega, con caída en tódolos indicadores, e unha situación que afecta “fundamentalmente ao emprego autónomo e ás pemes, consectores de actividade moi afectados como pode ser o ocio, os vendedores autónomos ambulantes ou a cultura”.
Explicou que en Galicia hai hoxe 203.000 autónomos, que supoñen o 20 por cento da taxa de ocupación, e en torno a 197.000 pequenas e medianas empresas, a metade das cales son unipersoais, sen ningún empregado contratado, o que “da pé a entender a súa importancia no tecido produtivo e para a creación de emprego en Galicia”.