A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, acusou hoxe á Conselleira de Pesca de ter “desaproveitado” a oportunidade que representan os Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro –GALP- para crear emprego. Na comparecencia da conselleira de Pesca no Pleno do Parlamento, criticou a “mala xestión, falla de anticipación, falla de orientación ao cambio e falla de ambición” desta iniciativa.
A responsable socialista apuntou que a caída dun 20 por cento das persoas ocupadas no mar en dez anos da a medida do fracaso do goberno galego, que “suma batacazo tras batacazo ano tras ano, asumidos case en exclusiva polas mulleres galegas do mar”. Na etapa de goberno de Feijóo, dixo, o sector do mar perdeu a un de cada cinco traballadores, que no caso das mulleres aumetna a unha de cada tres, pasando de 3.800 ocupadas en 2008 a 2.600 en 2019.
Toja reclamoulle ao goberno galego que “sitúe como obxectivo estratéxico dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro recuperar o número de permisos de marisqueo ou o número de persoas ocupadas na pesca”.
Censurou ademais a ineficacia do goberno galego á hora de xestionar os orzamentos dirixidos á pesca, deixando sen investir 6 de cada 10 euros do programa destinado á Mellora da Calidade Produtiva Pesqueira e da Acuicultura. Mentres, o programa de Axudas a Xóvenes Pescadores é “baleirado por completo” pasando de 500.000 a 315.000 euros, que foron transferidos íntegros ao programa de Medidas de Comercialización en setembro de 2018.
A responsable socialista apuntou tamén o fracaso da xestión destas iniciativas para a modernización do sector pesqueiro por parte do goberno galego, e propuxo dirixir estas ferramentas a crear novos produtos e canles de comercialización, mellorar a eficiencia enerxética e reducir e controlar os riscos ambientais.
Loli Toja resumiu que “entendemos a xestión do Goberno como proactiva, promovendo actuacións para precisamente anticipar e dirixir o cambio, pero temos un goberno pasivo, que orzamento pouco, executa menos e ao final do ano baleira partidas”.