O parlamentario arousán Julio Torrado esixiu hoxe no Parlamento o “recambio” da presidenta do Porto de Vilagarcía logo de que o TSXG ratificara a sentenza contra a entidade polo vertido de 7.000 metros cúbicos de escombro ao mar en 2014, impoñendo unha multa e obrigando a restaurar a desfeita. Torrado presentou unha pregunta neste sentido na Comisión de Pesca do Parlamento que tivo lugar hoxe.
O responsable socialista sinalou que “agora que hai unha sentenza firme deberan substituír á presidencia, porque a autoridade portuaria non pode destruír o mar” e acusou á Xunta de respaldar esta actuación cando “atentar contra o mar debera ser o último que se debera amparar”. Reclamoulles que poñan na presidencia do Porto “a alguén capaz, que coñeza a terra e que lle queira ben ao mar”.
Torrado reclamou unha “resposta política” derivada da decisión xudicial, que condenou a decisión do Porto por verter ao mar unha “montaña de terra, pedra, restos asfálticos, madeiras e formigón”, como sinala literalmente a sentenza. O parlamentario socialista explicou que a contía de restos “equivale a case 500 coches ou case 3 piscinas olímpicas” de restos de obra que foron depositados no mar “lonxe de calquera sentido común”.
Denuncia
Julio Torrado lembrou que logo daquel atentado medioambiental, no ano 2014, fora denunciado na Xustiza pola Plataforma en Defensa da Ría e politicamente polo representante do Concello no Porto de Galicia, o socialista Lino Mouriño. A reacción do PP dende o goberno local fora daquela “expulsando do Porto a Mouriño, acusándoo de sacrilexio por denunciar publicamente o feito” mentres dende o goberno local e os representantes da Xunta no Porto “intentaron ocultalo”.
Denunciou que o PP decidiu “protexer en bloque o que é un verdadeiro atentado medioambiental”, sen que nin no Concello nin no Goberno galego, que conta con representantes no Consello do Porto de Vilagarcía, fixeran “nin unha soa crítica”. Acusou ao goberno galego de “poñerse de perfil” e preguntou “se ten que ocorrer algo máis para que o goberno da Xunta manifesta a súa discrepancia e se execute de maneira inmediata a sentenza”.