O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, esixiulle hoxe á Xunta que “acaden unha solución política” a través do diálogo para “meter en cintura” ás entidades bancarias que operan en Galicia e frear a exclusión financeira dos concellos galegos. Francisco presentou unha pregunta oral neste sentido no Pleno do Parlamento que se celebrou hoxe.
O responsable socialista lembrou o peche de 1.000 oficinas bancarias dende 2008, deixando a 45 concellos galegos sen ningunha delegación e outros 118 concellos que só teñen unha oficina bancaria, ás que se suma o anuncio de Abanca de pechar as oficinas de Cerdido, Carballedo, Cerdedo – Cotobade, Soutelo de Montes ou Seixo –Marín-.
Francisco criticou que estas entidades empreguen diñeiro público que está a ser inxectado polo goberno galego para manter caixeiros en realidade para “maximizar beneficios”, porque “se seguen a pechar oficinas a solución non será que a Xunta de Galicia siga a poñer diñeiro público”. Ademais, lembrou que se trata de entidades que veñen de ser rescatadas por inxentes cantidades de diñeiro público para despois ser vendidas.
O parlamentario socialista salientou que o proceso de dixitalización da banca no debe supoñer un “prexuízo evidente para a xente maior ou con menos recursos” para empregar estes sistemas atópanse con “máis dificultades para acceder a un servizo básico como é o financeiro e acadar diñeiro en efectivo”.