O parlamentario socialista Martín Seco reclamoulle hoxe á Xunta que investigue ao alcalde de Noia pola “posible estafa” de 665.000 euros procedentes da UE da Deputación, da Xunta e do Concello para a ampliación do Museo do Mar. Seco presentou unha pregunta oral en Comisión pola xestión do alcalde –PP-, que logo de finalizar as obras segue sen utilizar as instalacións para situar o dito Museo.
O responsable socialista insta á Xunta a que se dirixa ao Concello para “esixirlle levar a cabo o Museo do Mar”, que é para o que estaban financiadas as obras. Reclamou unha “vixilancia estrita” e unha “labor de investigación do alcalde do PP” por que, advertiu, “non sexa que acabe con denuncias na UE por malversación de fondos comunitarios”.
Seco lembrou que o Museo do Mar recibiu en 2017 un investimento de 665.000 euros con financiamento do Fondo Europeo do Mar, participado nun 15 por cento pola Xunta, da Deputación e do mesmo Concello para ampliar as instalacións. Sen embargo, logo da súa apertura o alcalde pediu publicamente ideas para utilizar a infraestrutura, que polo momento albergou unha exposición itinerante da Rede de Museos Atlánticos, sen amosar intención de recuperar o Museo do Mar.
Fondos finalistas
Explicou que os fondos comunitarios estaban destinados a ampliar o espazo expositivo, incrementar o espazo dispoñible para atender ao volume de visitas do Museo, realizar un inventario do material da Asociación Mar de Noia e mesmo contratar persoal que permita manter as instalacións en funcionamento.
O parlamentario socialista explicou que a Asociación foi constituída en 2004 para a defensa do patrimonio noiés, e abriu o Museo do Mar na antiga Praza de Abastos, cedida polo Concello en 2012. En 2015 recibiu 250.000 euros do Concello para a remodelación dos equipamentos e instalacións e, finalmente, en 2017 pechaba para comezar as obras de ampliación.