O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, esixiu a implicación da Xunta para acadar unha “solución de futuro” que pase por un plan de viabilidade para as plantas de Ferroatlántica en Cee e Dumbría. Logo dun encontro cos comités de empresa da empresa, que tivo lugar hoxe no Parlamento, comprometeu o apoio do Grupo Socialista e dos alcaldes e alcaldesas da comarca para esixir unha resposta do goberno galego para os traballadores da empresa.
O responsable socialista denunciou que a Xunta se manteña “ausente, sen dar información nin responder de requirimentos”, polo que esixiu “máis implicación da Xunta de Galicia” para defender á plantilla “con transparencia, información e unha xestión activa na busca dunha solución de futuro para as actividades de ferroaleacións” na Costa da Morte.
Anunciou que os socialistas levarán ao Parlamento a demanda ao goberno galego para que impulse un plan de viabilidade e investimentos dirixido a modernizar os fornos e garantir o futuro da empresa.
Lembrou que a situación da empresa, que segue a ser xestionada por Villar Mir en virtude do contrato de venta a Ithaka Partners, xera “preocupación e incerteza no Comité de Empresa”, o que “é compartido polo Grupo Socialista e polos alcaldes e alcaldesas socialistas da Costa da Morte”, que hai dous días mantiveron un encontro en Cee. Sinalou á “xestión que poida facer Ferroglobe polo que afecta ao nivel de actividade e o emprego na emrpesa”.