O responsable da Área Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, reclamoulle hoxe ao goberno galego que se comprometa coa preservación do patrimonio artístico e da función sanitaria do Centro Galego de Bos Aires. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Pleno na que criticou a falla de interese do goberno galego coa entidade logo da elección dunha nova directiva contraria á promovida polo PP.
O responsable socialista criticou un “compromiso de menor intensidade” que o reflectido hai un ano, e logo de sinalar que ningún representante do goberno galego se teña “dignado visitar o Centro e á nova directiva”. Reclamoulle á Xunta que “traballe para buscar solucións” á difícil situación financeira do Centro, logo de seis anos da súa intervención por parte das autoridades arxentinas.
Lembrou que o goberno daquel país ten decidido devolverlle ao centro, dende o mes de marzo, a xestión da obra social dos inmigrantes españois e os seus descendentes (Ospaña), revocando a presenza dos integrantes da Mutual de Inmigrantes Españois, que os tiña substituído. Propúxolle así á Xunta que “traballen para vencellar o Centro Galego á dirección de Ospaña”.
Neste sentido, urxiu á Xunta que se implique para preservar tanto o importante patrimonio artístico, documental e bibliográfico da entidade como a asistencia sanitaria dun total de 5.000 mutualistas que estaban a ser atendidos no Centro Galego de Bos Aires.