A portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Concepción Burgo, esixiulle hoxe á Xunta “unha tramitación absolutamente estrita, rigorosa e escrupulosa” co proxecto da nova Universidade privada presentado por Abanca. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que advertiu da preocupación dos reitores das universidades públicas, que demandan transparencia sobre esta iniciativa.
Burgo advertiu que a Lei deixa “marxe de decisión” á Consellería de Educación ao sinalar que o catálogo de titulacións “deberá ser complementario e non reiterativo”. Reivindicou deste xeito que calquera iniciativa deste tipo debe servir “para enriquecer o Sistema Universitario de Galicia –SUG- e melloralo, con titulacións complementarias e unha plantilla cualificada”.
A responsable socialista levou ao Parlamento a “importante inquedanza e preocupación” provocadas por estar iniciativa dentro da comunidade universitaria galega, que “non coñece o proxecto e teme da súa incidencia negativa sobre todo o sistema universitario”. Advertiu así en primeiro lugar que a nova Universidade non podería ter titulacións semellantes ás ofertadas dende o ensino público “nin en denominacións nin en contidos”.
Burgo sinalou tamén que o proceso de acceso do alumnado “ten que ser o mesmo que nas universidades públicas e non pode descompensar todo o sistema”, e debe garantir ao mesmo tempo a cualificación e as condicións do profesorado.
A parlamentaria socialista apuntou finalmente á resposta reiterada por parte do goberno galego, que volveu sinalar que en Galicia “non hai unha Universidade privada”, e preguntou “que quere dicir, se se refire a que por iso necesitamos unha, que o sistema é mellor que o público ou que non podemos ser os raros de España”. Sinalou que “a existencia de universidades privadas non quere dicir que todas sexan boas” e que “a súa simple existencia non di nada”.