A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle ao goberno galego que ofreza explicacións por ter agochado durante un mes o informe emitido por Ence que evidencia os altos niveis de contaminación por mercurio provocados polo desmantelamento de Elnosa, como vén de publicar eldiario.es.
A responsable socialista lembra que o plan de desmantelamento da antiga filial de Ence foi aprobado polo goberno da Xunta en 2020, que “fixou os criterios e condicións” da actuación “dende o punto de vista da análise do risco de contaminación”. Denuncia que o goberno galego esta a quitarlle importancia a un informe que alerta da presenza de mercurio nas augas subterráneas do entorno da pasteira e das posibles consecuencias sobre a poboación.
Sinala que o proceso de desmantelamento está a facer que o material tóxico, empregado por Ence durante 3 décadas no proceso de fabricación de cloro para branquear papel, supón un “risco sobre a saúde dos traballadores e as traballadoras de Ence, así como sobre os veciños e veciñas, ademais de afectar á salubridade dos produtos de pescado e marisco que se extraen das augas da contorna”.
Castro esíxelle á Xunta que clarifique se continúa avalando o proxecto de descontaminación e desmantelamento de Elnosa, e pregunta tamén polas supostas medidas de contención adoptadas para evitar a afección ao solo colindante e ás augas subterráneas. Dada a escasa relevancia que o goberno galego lle da a esta situación, pregunta “como xustifican o aumento progresivo dos índices de mercurio na zona, que superan con moito os dos últimos dez anos”.
Pregunta tamén “como poden manter a afirmación de que a presencia dun elemento no solo nunha concentración superior ao nivel xeral de referencia non ten por que supor un problema”. Reclámalles que expliquen “ata que punto considera realmente preocupante o impacto da contaminación por mercurio tanto nos traballadores de Ence como na veciñanza e a produción pesqueira e marisqueira da ría”.