A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, reclamoulle á Xunta que presente un informe sobre os fondos públicos recibidos por Barreras, sinaladamente a accionista maioritaria Pemex, e o funcionamento dos mecanismos de control postos en marcha pola administración autonómica. A parlamentaria socialista presentou onte esta proposición non de Lei que hoxe foi votada e aprobada parcialmente.
Malia que o PP negouse a pedirlle á Xunta que fixera públicas as axudas públicas concedidas á empresa, a iniciativa si que foi aprobada parcialmente para pedirlle á Xunta o “compromiso coa continuidade do estaleiro”, mantendo os postos de traballo e as condicións laborais.
Rodríguez Rumbo quere que o goberno galego faga públicas as axudas que recibiu a empresa mexicana “para os seus investimentos en Galicia, tanto para a construción naval, como para a adquisición do estaleiro Barreras en caso de telos recibido”. Ademais esixe un informe sobre o posible impacto negativo que provocará a saída da petroleira do accionariado de Barreras e con relación ás súas auxiliares.
A parlamentaria socialista lembra que foi Feijóo quen trouxo hai 7 anos á petroleira mexicana, que en 2013 pasou a controlar o 51 por cento das accións de Barreras, anunciando unha ampliación de capital de 5,1 millóns de euros. Sen embargo, en novembro de 2016 anunciaban a renuncia a construír un novo flotel e que ademais paralizaban a base loxística de Punta Langosteira que fora “aplaudida por Feijóo e a súa inseparable política de publicidade e propaganda”.
Corrupción
Concluíu que, 7 anos despois, os directivos que se abrazaban co presidente da Xunta “están perseguidos por corrupción”, mentres Pemex pretende “vender as súas accións ou liquidar o estaleiro”. O armador, dixo, “amosa o seu interese en quedarse co estaleiro, a condición de expulsar a José García Costas, que posúe o 24,5 por cento e dereito de preferencia, e que hoxe vén de anunciar que quere adquirir “todo o capital” con axuda de socios externos.
Lembrou a importancia de Barreras para Galicia tanto polo seu tamaño como pola carga de traballo vixente, cunha carteira de pedidas que ascende a 900 millóns, e os “centos de empregos directos, indirectos e na industria auxiliar”. A pesares disto, a factoría padece fortes tensións de tesourería, unha estrutura deficitaria de capital, ten ao accionariado “en guerra” e afronta “millonarios sobrecustes nos tres barcos en construción dos cinco que ten contratados”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1. Manifestar o compromiso coa continuidade do estaleiro Hijos de J. Barreras así como cos seus postos de traballo e as condicións laborais”.