A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, esixiu hoxe “lealdade institucional” da Xunta co Ministerio de Pesca para afrontar “da man” as negociacións dos TACs e cuotas de pesca que se aprobarán en Bruxelas neste mes. A responsable socialista instou á Consellería de Pesca a presentar “argumentos e informes técnicos” e acadar o apoio de todo o sector nestas negociacións.
A responsable socialista apelou ao “traballo conxunto” entre a administración e o sector pesqueiro para poñer en valor a importancia socioeconómica das actividade pesqueira e conseguir “o máximo rendemento de tódolos stocks tendo en conta a sostibilidade económica e social” compatible co equilibrio medioambiental. Defendeu así a necesidade de “prestarlle ao sector pesqueiro unha mínima estabilidade evitando variacións bruscas nos TACs entre un ano e outro”.
Así, reclamoulle ao goberno galego que acuda á cita atendendo ao sector “para que a prohibición de descartes e a obriga de desembarques teñan o menor impacto posible”. Ademais, reclamou a incorporación dos indicadores económicos da actividade pesqueira incluíndo ademais “toda a información da cadea de valor, tendo en contra os parámetros que afectan ás industrias auxiliares que tamén dependen da pesca”.
O obxectivo, dixo, deberá ser maximizar a relativamente boa posición na que a flota galega acadou nas negociacións de 2019, por canto “hai marxe de manobra” ata a sinatura do documento definitivo.
Pesquerías
Otero instou a “seguir traballando para conseguir o maior nivel posible de cuotas”, e advertiu por exemplo que “non entendemos nin compartimos o recorte na pescada”, que xa se atopa no seu máximo sostible nas pesquerías de Gran Sol e Golfo de Cádiz. No caso do xurelo asegurou que “non entendemos a redución do 40 por cento da cuota no Cantábrico e moito menos do 50 por cento do TAC en zona 9A, que é incoherente co ditame científico avalando o seu incremento”.
A responsable socialista instou á Xunta a “traballar para conseguir a reapertura da pesquería da cigala en Galicia, pecahada dende 2017”, e instou a “aproveitar a marxe de manobra” aberto polo incremento de cota de xarda, logo das dificultades provocadas polo recorte na anterior negociación.