Paloma Castro esíxelle ao goberno galego que asuma as súas competencias e desenvolva a Lei de Emerxencias logo de 15 anos de desleixo para adaptarse á nova realidade
A portavoz de Interior do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle hoxe ao goberno galego que desenvolva o Regulamento da Lei de Emerxencias de Galicia, que leva 15 anos metido nun caixón. Castro presentou unha moción no Pleno do Parlamento para reclamarlle á Xunta que exerza as súas competencias e adapte as emerxencias aos novos medios tecnolóxicos e para facer fronte a situacións graves que se poidan rexistrar en Galicia.
A responsable socialista lamentou o voto do PP en contra desta iniciativa para esixirlle á Xunta que actualice a Lei 5/2007 de Emerxencias de Galicia, asumindo a competencia do goberno galego na xestión das emerxencias en Galicia. Tamén lembrou a obriga de deseñar un programa anual de exercicios e simulacros para prever a operatividade do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia -Platerga-, actualizando ademais o catálogo de medios e recursos dispoñibles no territorio.
Castro lembrou a responsabilidade do goberno galego á hora de despregar campañas informativas en zonas de risco de inundacións informando sobre medidas de autoprotección necesarias en caso de emerxencia, deseñando protocolos dirixidos á cidadanía en xeral informando axeitadamente de como actuar ante as diferentes situacións de emerxencia.
Tamén lle reclamou á Xunta que inclúa a coordinación cos Bombeiros Forestais da Xunta dentro dos equipos de emerxencias e asistencia, que conta con 2.500 profesionais, 19 centros de coordinación e un total de 288 brigadas, que inexplicablemente foron deixados á marxe da intervención nas máis de 1.300 incidencias provocadas polo temporal Kirk en só dous días.
Lembrou que parte deste dispositivo si que foi mobilizado para acudir a axudar a Valencia fronte aos efectos da dana, pero unha vez máis o goberno galego fixo unha xestión “moi mellorable”, xa que “en lugar de xestionar a loxística, limitáronse a facilitarlles unha listaxe de hoteis”. Foi, dixo, unha nova forma de “botar balóns fóra e derivar responsabilidades noutras administracións, obviando a súa obriga de coordinar a protección civil e as emerxencias.
Tablets
A parlamentaria socialista esixiulle á Consellería de Presidencia que reparta dunha vez as 110 tablets que adquiriron en 2021 por un valor de 80.333 euros, o 75 por cento a cargo da UE, que deberan ser empregadas baixo o programa Airem para coordinarse con Portugal e Castela e León. Sen embargo, 3 anos despois os dispositivos atópanse en paradoiro descoñecido sen que ninguén dea ningún tipo de explicacións.