A parlamentaria socialista Patricia Otero acusou hoxe á Xunta de “botar balóns fora” sinalando ao Concello de Ribadeo pola praga de moscas e mosquitos no entorno do Porto comercial de Mirasol logo de levar 8 meses “sen facer nada” despois de ter sido informados oficialmente. A parlamentaria socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca do Parlamento na que reclamou unha resposta urxente e eficaz do ente autonómico.
Otero dirixiuse en concreto á presidenta de Portos de Galicia para afearlle que non teñan tomado ningunha medida a día de hoxe para prever unha praga que nos últimos anos chega na época de calor molestando tanto a veciños como aos comerciantes e hostaleiros. Tanto os hostaleiros como a Asociación de Comerciantes sinalan como orixe do problema a un almacenamento de madeira no Porto de Mirasol.
Logo de varios anos soportando as pragas, os veciños e os comerciantes están “desesperados” polo impacto negativo tanto para a súa vida diaria como para a actividade comercial habitual, xa que a maior incidencia rexístrase precisamente nos meses de verán. A propia Asociación se ten dirixido a Portos para alertar deste problema coincidindo coa celebración da Festa Indiana, cando Ribadeo ten maior número de turistas.
Informe independente
Lembrou que o propio Concello encargou un informe independente en xuño do ano pasado que apuntaba a un almacenamento de madeira no Porto de Mirasol como posible orixe do problema. Este informe, ademais, ofrece dúas posibles solucións, como son o tratamento da madeira e a retirada destes “milleiros de toneladas” de material “depositadas dende hai anos”.
Patricia Otero advirte de que “calquera tratamento que tomen os hostaleiros e os veciños para frear a praga será inútil sempre e cando non se trate a orixe do problema”, polo que lle reclamou á responsable de Portos que “se non lle dan credibilidade ao informe encargado polo Concello, a lo menos “poñan tódolos mecanismos en marcha para coñecer a orixe do problema” e traballen “para que a imaxe de Ribadeo non se vexa prexudicada”.