O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe á Xunta de actuar “como avalista” no proceso de venta do Hospital vigués Povisa a un grupo empresarial norteamericano. No debate dunha pregunta oral en Comisión, o parlamentario socialista preguntoulle ao xerente do Sergas “se coñecían da operación de compra venta e por que non intentaron comprar o centro para ofrecer unha sanidade pública”.
O parlamentario socialista reivindicou unha “atención pública, nun centro público e con persoal público”, criticou que a Xunta teña amparado a operación que están a celebrar, polo que preguntou “que é o que gaña o goberno galego coa venta”. Advertiu que “a día de hoxe o Sergas non ten capacidade de asumir a atención ás 139.000 persoas que asume Povisa”, e apostou por “buscar solucións para que sexa posible”.
Puntualizou que neste proceso “gañan os vendedores, que quedan ben situados, gañan os compradores, que ademais teñen parte do Álvaro Cunqueiro, e ademais semella que gaña a Xunta porque celebra a operación e amósanse moi contentos”. Mentres, dixo, os socialistas “non estamos contentos porque séguese a manter unha anomalía, unha excepcionalidade”, como é o convenio cunha entidade privada para prestar atención sanitaria a 139.000 persoas en Vigo.
200 millóns adicionais
Torrado preguntou polo papel do goberno galego no proceso xa que, advertiu, que tanto o comprador como o vendedor afirmaron que a negociación comezou horas despois de coñecer do remate da renegociación do convenio que mantén o hospital co Sergas. Explicou que o convenio supón 75 millóns de euros anuais durante 8 anos para o Hospital, un total de 600, coa posibilidade de amplialos ata 800, dándolle 100 millóns anuais, que “a Xunta asume como posibles”.
O responsable socialista subliñou que “descartamos e non compartimos que a Xunta deba ser avalista” do procedemento de venta do Hospital, ao que “lle ingresou 1 millón de euros dous días antes da sinatura do contrato de compra-venta”. Reclamoulle ao goberno galego que expliquen “cando tiveron información” da intención de vender o Hospital para que recoñezan o seu papel no procedemento.