O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, acusou hoxe ao goberno galego de “abdicar da súa responsabilidade en materia de vivenda”. Na comparecencia da conselleira de Vivenda no Pleno do Parlamento, o responsable socialista alertou dos datos “demoledores” derivados dun PP que se ten demostrado “incapaz, inactivo e desnortado á hora de ofrecer respostas eficaces ás demandas da cidadanía”.
O responsable socialista debullou unha xestión desastrosa por parte do goberno galego, que pasou das 10.000 vivendas públicas construídas co goberno do socialista Touriño en 2009 a tan só 24 nos catro últimos anos. Estas únense ao balance “pírrico” do programa de aluguer de vivenda baleira, cando a Xunta só puido pechar 14 vivendas cando tiña o “obxectivo ridiculamente ambicioso de 600”, logo de rexeitar o 80 por cento das demandas de axudas ao alugueiro en 2019.
Arangüena advirte que Galicia é a segunda Comunidade Autónoma que menos vivenda protexida fixo na última década, mentres posúe o maior parque de vivendas baleiras, convertendo o parque de vivenda protexida nun “páramo”. Acusou ao goberno galego de renunciar da competencia exclusiva en materia de vivenda, ata o punto de que pecharan a pasada Lexislatura coa menor promoción pública de vivenda dende que hai rexistros históricos, en 40 anos de democracia.
Censurou que “non lles pareza un problema que haxa 300.000 vivendas baleiras –segundo datos do IGE-, pero sinalen aos okupas, ate o punto de que ten que vir o presidente do TSXG a dicir que é un problema ficticio” por se teñen reducido e hai lexislación acaída para confrontalos. Criticou que o PP poña o foco nesta situación cando “os desafiuzamentos multiplican por 15 aos casos de okupación ilegal, e hai máis posibilidades de ser asasinado que de sufrir unha okupación”.
Especulación
Sinalou que “o problema é a okupación ilegal de vivenda baleira da banca, que é tenedora de centos de milleiros de vivendas baleiras en 2009” e esixiulle ao goberno galego que “combatan á vivenda como ben especulativo” e “fagan unha verdadeira política de vivenda dotada de recursos”. Advertiu que a Xunta “non está ao servizo dos intereses da maioría social, senón da parte da poboación sen problemas de vivenda, que ten varios inmobles ou do gran capital que especula”.
Reclamou que “deixen de manipular os datos e de retorcer as cifras con plans propagandísticos que rematan en nada” e que fagan “unha verdadeira política de vivenda”, porque “o que fixeron ata agora foi tomarlle o pelo á cidadanía”. Neste sentido, saudou a proposta de “gran pacto social para a política de vivenda que non fixeron en 11 anos”.
Apuntou que “hoxe non practicaron federalismo de escape cara arriba” sinalando ao goberno de España, que é o único que asume estas políticas no Plan Estatal de Vivenda, senón desta volta “toca botarlle a culpa aos concellos, sinaladamente aos que non gobernan vostedes, cando se trata dun problema xeneralizado en toda Galicia”.