Elena Espinosa alerta da falla de explicacións dos responsables do goberno de Feijóo diante das irregularidades no proceso de licitación do hospital
A viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, advertiu hoxe que a falta de control do gasto público por parte do goberno galego presidido por Feijóo e con Rueda como a súa man dereita, que coa súa xestión provocaron un sobrecusto de 470 millóns de euros na construción do Álvaro Cunqueiro. Así o dixo na comparecencia da ex coniselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, e o ex director xeral de asistencia sanitaria do Sergas, Félix Rubial, na Comisión de Investigación do Parlamento.
A tamén viceportavoz do Grupo Socialista salientou a falla de explicacións dos que foron responsables do goberno galego sobre as irregularidades no procedemento de licitación da infraestrutura. Lembrou que este proceso derivou nun centro máis pequeno do inicialmente previsto e que ademais incumpriu tódolos obxectivos iniciais, tal e como confirmou o Consello de Contas no informe que suscitou a constitución desta Comisión de Investigación.
Espinosa lembrou ademais que a ampliación do contrato ao Meixoeiro e o Nicolás Peña, nos que non se realizou ningunha actividade construtiva, carece de soporte legal, tal e como alertaban os ditames emitidos polo Consello de Estado dende decembro de 2001 sobre este tipo de actuacións.A responsable socialista lamentou a falla de resposta dos daquela responsables do goberno galego sobre as modificacións inxustificadas sobre a superficie útil hospitalaria e o prazo concesional.
Advertiu que o goberno galego fíxolle un “traxe á medida” dunha única empresa, que foi a única valorada e a beneficiada no proceso de licitación. Ademais, lembrou que o goberno galego incumpriu tódolos obxectivos fixados no plan funcional, incluíndo o dimensionamento do hospital, co que a área sanitaria quedou con 1.321 camas das 2.000 previstas.
Elena Espinosa interveu na comparecencia da ex conselleira de Facenda entre 2009 e 2011, Marta Fernández Currás, que estivo relacionada con Ernest & Young, auditora da Sociedade concesionaria e da sociedade operadora do Novo Hospital de Vigo S.A.
Tamén interveu na comparecencia do que foi director de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2012 e 2015 e xerente do Hospital Xeral de Vigo e do Cunqueiro ata xullo de 2019, Félix Rubial. Este ex alto cargo, lembrou, “conseguiu bater tódolos récords” coa dimisión do 80 por cento dos xefes de servizo e unidade de Atención Primaria de Vigo a finais de 2018 porque “non querían ser cómplices do progresivo deterioro da Atención Primaria”.