A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Peticións á Valedora, Noelia Otero, dixo hoxe que o informe da Alta Comisionada do Parlamento correspondente ao ano 2020 da conta da “factura” do impacto da covid sobre os servizos sociais, danados por anos de políticas de desmantelamento e privatización da Xunta. Así o dixo na comparecencia da Valedora, hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia.
Otero advertiu que máis da metade das queixas rexistradas pola Valedora refírense a “problemas na Sanidade e na Política Social, que “reflexan a situación dos dereitos sociais no noso país” e “ilustran sen lugar a dúbidas onde está e onde non está a vontade da Xunta de Galicia”. Un ano máis, Sanidade recibiu o 33 por cento das queixas, seguida de Política Social, co 20 por cento, e Educación co 13 por cento.
Sinalou que “a maior parte das queixas son sobre Sanidade”, que “ano tras ano repite os mesmos problemas”, evidenciando que “vamos a peor”, desta volta reflectindo de novo as listas de agarda inasumibles, os problemas derivados da atención telefónica ou decisións cuestionables como o de darlle publicidade a un número de pago para usuarios do Sergas en plena crise sanitaria.
Ademais, “as políticas de desmantelamento e privatizacións como nas residencias, a privatización dos coidados das e dos maiores e das e dos máis vulnerables pasan factura e aquí está”. Así, reflicte “practicas lamentables” nas residencias de maiores polo “abuso das suxeicións, a insuficiencia de xeriatras, a escaseza de prazas públicas, atrasos na asignación de praza ou que se conceda moi lonxe do lugar de residencia”.
Lamentou que o desinterese do goberno galego na aplicación da Lei da Dependencia convirte ano tras ano de informes da Valedora nunha sorte de “día da marmota”, onde “volvemos atopar de novo queixas polas valoracións da Dependencia”, sinaladamente polo incremento dos tempos de espera.
O informe correspondente ao ano 2020 tamén pon o acento sobre as eivas na atención ao alumnado con necesidades educativas especiais, así como pola falla de protección do patrimonio, a discriminación por cuestión de xénero no acceso á profesión xudicial ou nos atrasos provocados na xustiza pola situación de colapso do Instituto de Medicina Legal de Galicia.
Agresións LGTBI
A responsable socialista sinalou a alerta da Valedora reclamando “axudar durante o confinamento a persoas LGTBI” especificamente, que “tiveron que aguantar situacións complicadísimas na casa”. Otero urxiu ao desenvolvemento da Lei pola Igualdade de Trato e non Discriminación de LGTBI en Galicia, así como a convocatoria do Observatorio Galego diante do aumento das situacións de acoso e as agresións a persoas LGTBI que derivaron no “desgraciado e inxustificable asasinato de Samuel Luiz”.