O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, cualificou hoxe de “inadmisible e lamentable” que a conselleira delegada do imperio xeriátrico DomusVi tivera recibido a vacina do coronavirus. Arangüena anunciou, logo de coñecer a noticia, que o Grupo Socialista pediralle explicacións por este feito ao goberno galego no próximo Pleno do Parlamento.
O responsable socialista considera este feito un “insulto á cidadanía, aos traballadores e ás vítimas desta enfermidade”. Sinala que “en tempos de pandemia é máis necesaria que nunca a ética e a exemplaridade públicas”, e chama a “evitar calquera tipo de dúbida sobre favoritismos no proceso de vacinación nun momento tan grave”.
alertou da “espiral crecente de irregularidades” que se está a coñecer en Galicia co subministro de vacinas contra a covid, en alusión a que “cando Feijóo dicía que só había 20 irregularidades en Pontevedra e ningún alcalde do PP, os sindicatos denuncian 200, coñecemos casos tamén en Bueu, a alcaldesa de Boimorto e, agora, a conselleira delegada de DomusVi”.
Arangüena explica que esta persoa “é a máis alta directiva do grupo xeriátrico, aparte de millonaria accionista, e polo tanto non é persoal asistencial que deba ter contacto con ningún dos residentes, e nin sequera cos traballadores e traballadoras das residencias”. Considera que a súa vacinación é “un sarcasmo”, en alusión “ao que ten sucedido nestas residencias que suman máis do 20 por cento dos falecidos por coronavirus en Galicia”.
Explicou que DomusVi é “un imperio xeriátrico con sede en Vigo afín ao PP, expandido ao amparo de gobernos do PP e cunha conselleira delegada que ademais é amiga de Feijóo” e que “ten medrado ao amparo das concesións de residencias da administración pública”. Lembrou a súa “lamentable comparecencia” na Comisión de Reactivación económica de Galicia, onde “gabouse de gañar diñeiro a costa os residentes”.
Foron os propios familiares destes residentes, xunto cos traballadores e traballadoras do grupo, lembrou, os que teñen “denunciando as condicións de semiescravitude nas que se desenvolve o traballo do persoal e as condicións precarias nas que manteñen aos usuarios, aos que exprimen economicamente ao céntimo en detrimento da calidade asistencial”.