O portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, reclamoulle hoxe ao goberno galego que desbloquee a concentración parcelaria da zona norte do Concello de Agolada, paralizada dende 2010, da que dependen “importantes proxectos da industria agraria”. Pérez Seco presentou unha pregunta oral ao goberno galego na Comisión de Agricultura logo do veto á proposta polo PP hai dúas semanas.
O responsable socialista desmentiu hoxe os argumentos do PP e do goberno galego, que acusan ao Concello de non ter presentado a documentación necesaria. Pérez Seco presentou as actas do Pleno do Concello do 27 de agosto de 2018, constatando que “a Xunta de Galicia si que ten as firmas e o argumentario da solicitude das concentracións parcelarias”.
Ademais, en 2018 volveron recoller as sinaturas, acumulando máis de 800 nos núcleos 1 e 2, que representan ao 95 por cento dos propietarios e o 98 por cento dos Códigos de Explotación Agrarias –CEAS-, e no núcleo 3 recolléronse máis de 120 firmas, o 90 por cento dos propietarios e o cen por cen dos CEAS.
Pérez Seco advertiu que as parcelarias afectan a unha zona da ribeira do Ulla de gran capacidade produtiva, que nos núcleos 1 e 2 conta con 14 explotacións agrarias, ademais de varios proxectos pendentes que precisan dunha base territorial ampla. Así, hai prevista a ampliación da Granxa Sueiro, unha nova granxa avícola de posta ecolóxica, cebo de vacún maior en extensivo, ademais de plantacións de olivos, cereais de inverno, forraxes, maceiras para sidra ou árbores nobres.
Explicou que “a realidade é que nesta área territorial xa hai traballos feitos cun investimento de máis de 800.000 euros, a maioría con fondos europeos, como o estudo de impacto medioambiental, medición de fincas ou levantamentos topográficos. Subliñou que “con estes traballos xa feitos e os proxectos que se queren poñer en marcha, a Xunta de Galicia debe demostrar que aposta por seguir adiante coas parcelarias na que chaman a Lexislatura do Rural”.
Explicou que a zona pendente da concentración está integrada polos núcleos 1 –que abrangue 1.469 hectáreas das parroquias de Agra, Sexo, Baiña e Val-, 2 –que supón 2.130 hectáreas nas parroquias de Berredo, Eidián, Basadre e Ramil-, os dous iniciados en 2002 pero paralizados en 2010, e 3 –parroquias de Sexto e Brocos-, co que entre as tres superan as 5.000 hectáreas de cultivo.